Folla de ruta á terceira república

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

09 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Nunha pausa da entrevista que en 1995 lle fixo Victoria Prego en Antena 3 TV, o expresidente Adolfo Suárez tapou coa man o micrófono de solapa e desvelou un secreto que captou o micrófono da cámara: non sometera a referendo a alternativa monarquía ou república -como lle pedían os xefes de goberno estranxeiros-, porque as enquisas daban como perdedora a monarquía. O que Suárez fixo foi meter as palabras rei e monarquía na Lei para a Reforma Política, aprobada o 15 de Nadal de 1976 co 94,17 % dos votos e unha participación do 77,8 %, e puido dicir que se decidira en plebiscito. Así salvou a monarquía instaurada por Franco e, probablemente, tamén aquela transición á democracia.

Hoxe a monarquía volve estar en crise e Pablo Iglesias, líder de Podemos, pide á cidadanía valentía e audacia para avanzar cara á terceira república. Non se pode negar validez aos seus argumentos. Cada vez máis xente, sobre todo xove, non entende que a xefatura do Estado sexa hereditaria e, ademais, daquela maneira; porque, por incrible que resulte, a Constitución, no artigo 57 do Título II, dá preferencia ao sucesor varón, polo que o herdeiro do rei Juan Carlos foi don Felipe e non a infanta Elena. Si, claro, dá medo imaxinar a entronización de dona Elena e Marichalar ou de dona Cristina e Urdangarín; aínda que quizais con eles a folla de ruta de Pablo Iglesias fose máis curta e realizable. 

Don Felipe e dona Letizia ofrecen outra garantía, pero as acusacións que lles fan o independentismo catalán, Podemos e o marujeo son de traca. Para o independentismo, o discurso de fin de ano demostrou que Felipe VI segue comprometido coa represión. Segue, din, porque a iniciou o 3 de outubro de 2017, dous días despois da celebración do referendo de autodeterminación, ao afirmar unha evidencia: o Govern de Catalunya incumprira a Constitución e o Estatuto de Autonomía. Daquela viuse o rei indignado. Recordaría, supoño, o 12 de Nadal de 1989, cando o Parlament de Catalunya acordou, cos votos de Convèrgencia i Unió, non renunciar ao dereito de autodeterminación. Recordaría as desculpas do honorable Pujol ao rei Juan Carlos, recoñecendo o erro político e dando fe do seu compromiso coa unidade de España. Recordaría que catro meses despois fora el en visita oficial a Catalunya, con 22 anos, e Pujol valoraraa como moi positiva para Catalunya, para España e para a Coroa; e afirmara que «los frutos se verán en los próximos años». 

A última crítica de Podemos é porque na mensaxe de Nadal, Felipe VI non dixo literalmente «Mi padre es un chorizo» e limitouse a afirmar que «Los principios morales y éticos están por encima de las consideraciones personales o familiares». Home, eu moi listo non son, pero entendín á primeira que rexeitaba as veleidades financeiras do rei emérito; como no discurso da Pascua Militar entendín que recordar a obriga incondicional de todos os poderes e institucións de respectar a Carta Magna, foi un estaliscón de orellas aos nostálxicos do franquismo.  

A min paréceme que Felipe VI está poñéndollo difícil a Pablo Iglesias, que precisará máis papel para a folla de ruta. A raíña Letizia e o marujeo quedan para outra ocasión.