Aprendamos

Abel Veiga DECOTÍO

OPINIÓN

Un hombre con una cruz camina en el Cementerio Municipal Jardín de Los Ángeles donde son enterrados las personas que han muerto a causa de la Covid-19, en Tegucigalpa, Honduras
Un hombre con una cruz camina en el Cementerio Municipal Jardín de Los Ángeles donde son enterrados las personas que han muerto a causa de la Covid-19, en Tegucigalpa, Honduras Gustavo Amador | EFE

03 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando na medianoite do derradeiro día do ano soaron as badaladas, esta vez o seu son foi diferente. Viña tinxido dunha necesaria esperanza. Acubillada tralo rastro de dor e bágoas rotas mergulladas nun espantoso silencio, o abrente deste novo ano insufla un ar renovado. Endexamais o noso silencio foi tan amargo. Endexamais os nosos efémeros aplausos foron tan sentidos e cheos de bágoas. Endexamais nos demos conta as xeracións vivas da fraxilidade do ser humano. Criamos invencibles, superiores, irredentos o desalento. Pero somos fráxiles, ao tempo que cheos de certa vaidade. 2020 sen ter culpabilidade propia deparounos unhas leccións que non debemos esquecer. Temos que aprender a vivir en sociedade, en familia, no momento, a saber discernir os problemas que son dos que simplemente é efémera relatividade intranscendente.

Vivimos de preto momentos tristes, de tremor e temor polos nosos, polos amigos, polos compañeiros, polos veciños. Roubáronnos e consentimos todos nós -fermosa verba nós-, as imaxes máis lúgubres e negras. Non quixemos ver a dor no rostro de centos e centos de sanitarios, non quixemos ve-los cadaleitos anónimos e os enterros silenciosos. Non puidemos despedirnos de amigos, nin sequera acompañalos nos últimos días da súa vida. Pronto fará un ano dos que primeiramente nos deixaron sen que os chorásemos. Van no noso ser, e no noso interior. Mentres vivimos. Mentres a memoria non se nos perda nos labirintos do esquezo.

Aprender a que formamos parte dunha existencia e dunha comunidade. Aprender a que esta enfermidade non distinguiu pero dobrou aos máis fráxiles. Aprender que os nosos políticos non quixeron estar a altura do seu deber. Aprender que os pais, irmáns, esposos, fillos, netos son o máis real das nosas vidas, o tesouro máis prezado. Como aqueles amigos que sentes coma sangue próxima. Aprender que a fraxilidade da existencia humana debe facernos máis humanos. Aprender a que non debemos esquecer. Non nolo podemos permitir. Sería o noso fracaso como sociedade e cidadáns libres. Chega un novo ano no que coma cidadáns demos e temos a obriga de esixir responsabilidade e rigor os nosos representantes. Debemos esixir o único que nos fai libre e nos fará sempre, a verdade.