Valentín Arias

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Oscar Vázquez

27 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non vou falar de Xela. Tempo haberá. As Letras Galegas son moito máis ca un día. As persoas ás que a RAG dedica a celebración pasan a formar parte dun territorio autónomo fundamentado nos seus méritos e transcendencia, que debe ser visitado sempre que haxa vontade, alén do tempo e a circunstancia. Quero falar de Valentín (Vilerma de Maside, Sarria, 1954-2011), mestre, ensaísta, tradutor, editor, escritor, animador de empresas, militante do nacionalismo galego (PSG), sementador de vocacións e proxectos… E pai de Xela, que en moitos aspectos o continuou.

Non teño reparo en dicilo, estamos a falar dunha das figuras fundamentais no rexurdimento das nosas letras no derradeiro terzo do pasado século e na primeira década do presente. Coñecino no ano 1976. El era daquela xerente da editorial Galaxia e participaba dun intento de renovación na editora, na procura de novos textos, novos temas, novos autores, período do que fala con detalle Xosé Luís Franco Grande na derradeira entrega de Os anos escuros. Houbo desencontros e Valentín entrou a colaborar no proxecto que poñía en marcha Xulián Maure no ano 1979: Edicións Xerais de Galicia.

En 1984 creouse a Asociación de Tradutores Galegos. Alí estaba Valentín, xa cunha obra moi cumprida, xunto con Maure, Antón Santamarina, Xavier Senín, Antón Palacios… A tradución, xunto cunha incorporación importante da muller á produción literaria, a aparición de novos xéneros como a Literatura Infantil e Xuvenil (LIX), o xornalismo, os libros de viaxes, a literatura policíaca, as guías da natureza, etcétera, e mais coa configuración por primeira vez dun mercado estable para o libro galego (a partir do decreto de bilingüismo de 1970 e do Estatuto de Autonomía de 1981), conforman o novo tempo de entusiasmo que avivou as nosas letras, un salto cualitativo na creación, na produción e mesmo no número de lectores. Alí estaba Valentín Arias.