Tres por cento

Inma López Silva
Inma lópez Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

JASON CAIRNDUFF | Reuters

É posíbel que entre as grandes contradicións de milleiros de ateos (pos)marxistas estea a nosa capacidade para celebrar o Nadal sen rachar as vestiduras e botarnos a esta orxía de consumismo entolecido que vai do día da Lotería a Reis, desafiando o noso racionalismo ao felicitar o aninovo coma se tivera sentido crer que o tránsito de doce badaladas, uvas e un bico mudan algo, e crendo que converter a casa en discoteca serve para rescatar algunha receita contra a nostalxia.

 

Disque só o 3 % das persoas somos así de frías e prácticas, algo que non só é útil para xefaturas de recursos humanos, senón tamén para rendibilizar as poucas oportunidades que nos dá a realidade para emocionarnos e sentirnos preto do 97 % restante, ese que goza da festa e a compañía sen cuestionar os porqués do amor, a ledicia e a necesidade de bicar e abrazar, sen desculpas, aproveitándose da parafernalia relixiosa e capitalista como decorado lindo que serve para deixar a un lado por un intre os medos, os enfados e esas cuestións nas que enredamos meses e que nos fan esquecer o importante: que, na vida, case non dá tempo a nada.

Quizais a pandemia, que impuxo a lei distópica de obrigar ao cen por cen da poboación a pensar sobre o Nadal e que fixo real o soño do Grinch de acabar coa ñoñez natalicia, conseguiu a cuadratura do círculo e estendeu o paradoxo no que tan cómodas viviamos as iluminadas do 3 %, tan conscientes de que hai sentimentos contra os que é mellor non loitar. Mancan as distancias e non é humano non emocionarse diante da alegría e a ilusión, así que calquera escusa vale. Só que as do 3 % sabemos que, en canto isto pase, o 97 % volverá darnos leccións, coma se todo isto fose de verdade natural.