O romano

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

Óscar Cela

24 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un asunto común na hora do café no exquisito, e desaparecido, bar Chaves. O primo Gerardo e compañía preguntábanse dende a adolescencia unha cuestión que os incomodaba. E máis tendo en conta que compartían a mesma afección: as películas do oeste. De «vaqueros», dicimos en Verín. Nas sesións do cine Oterino ou do Buenos Aires, cando eran mozos, sempre flotaba o mesmo interrogante: por qué os artistas das películas (de todas!) montaban ao cabalo dende o lado esquerdo. O Suso aseguraba que non había excepción. O Modesto, o mesmo. O Nano, o Juanito, o Toñeiras. O meu primo, agudo escrutador da realidade, asentía. Porén matizaba: el vira a un romano, nunha película das que emiten no Nadal, subir ao cabalo polo costado dereito. Un romano. Unha vez. Nunca máis. Os colegas respondían: «Imposible, déixate de coñas, Gerardo». Cando peliculeamos despois de comer e as películas son do oeste, non hai día que non me dea co cóbado. En ocasións, espértame da sesta. «Neno, neno, ves? Nesta tamén soben polo lado esquerdo». Certo. Eu quixen saber o motivo e indaguei. A razón é histórica. Remóntase á Idade Media. Daquela os cabaleiros, destros a maioría, levaban a espada no flanco esquerdo para desenfundar con pericia. De aí o motivo de subir ao cabalo por babor. Comenteille a razón ao meu primo. Dixo: «Rodrigo de Vivar, gran tipo!». Pasou o tempo. Estes días, mentres eu repousaba adurmiñado sobre o sofá, un grito alertoume. O meu primo, que estaba noutro asento, vociferaba alteradísimo sinalando co dedo o televisor: «Mira, neno!». Pensei que sucedía algo grave. «Que pasa, Gerardo?». «O romano, o romano!», contestou emocionado. Mágoa non poder contalo, no bar Chaves, neste Nadal.