España levaba xa demasiado tempo con Orzamentos prorrogados cando a pandemia mudou todas as coordenadas. Á dificultade de sacar adiante uns Orzamentos no Congreso máis fragmentado da democracia engadiuse a de cadrar as contas facendo malabarismos para pagar gastos como ERTE, axudas a autónomos, etcétera. Ao mesmo tempo fíxose máis urxente ter orzamentos para poder afrontar a reconstrución e obter o aval da UE, que vai ser quen sosteña en parte o noso edificio económico co maior esforzo de solidariedade da súa historia.
Estes son uns orzamentos de emerxencia, os máis sociais e expansivos da nosa democracia, feito valorado decisivamente polos 11 partidos que os apoian, entre os que non están as dereitas nin o BNG. E, sendo extraordinariamente necesarios e urxentes, a todos nos gustaría máis investimento, para o cal traballamos sempre, pero estes orzamentos son positivos para Galicia por varias razóns. O investimento directo por habitante en Galicia é de 308 euros, superior á media nacional, 258 euros. Por enriba de Madrid, Cataluña, Valencia, Andalucía e outras 6 comunidades autónomas. Son os orzamentos da chegada do AVE a Galicia, retrasada durante 3 anos pola falla de investimento do PP. Tamén son os da histórica rebaixa da peaxe da AP-9, con máis de 60 millóns en bonificacións. Os do «España róubanos» omiten que o investimento directo -no que superamos a media estatal- representa menos do 10 % dos orzamentos; o restante 90 % está composto en gran parte por gastos sociais e, sobre todo, pensións, capítulos que crecen moito e dos que Galicia é especialmente dependente. As pensións revalorízanse un 0,9 %, e o doble as non contributivas, moi por riba do IPC, que é negativo no que vai de ano, e esta revalorización beneficia especialmente a Galicia fronte a outras comunidades autónomas porque, cun 5,7 % da poboación do Estado, temos o 7,8 % dos pensionistas, o cal supón unha transferencia directa de renta. Iso sen falar do forte incremento do gasto social, sanidade, educación e outras partidas vitais, coma a dependencia, cando Galicia é a comunidade con máis dependentes en proporción á súa poboación. Ou a aposta decidida pola transformación produtiva en tempos de crise, asumindo os retos da transición ecolóxica xusta e a dixitalización. Os fondos de reconstrución, que non están territorializados aínda, implicarán unha gran aportación adicional, sen precedentes. De feito, o Goberno galego, austericida na última década, terá que facerse keynesiano para aproveitar toda esa financiación extraordinaria. Vainos moito en que acerte.