Os estraños compañeiros de cama

Xoaquín Fernández Leiceaga EN LÍNEA

OPINIÓN

R.Rubio.POOL

os Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2021 foron aprobados no Congreso dos Deputados e afrontan con garantías a súa recta final no Senado.

Esta é unha magnífica noticia máis alá das posición partidarias. Producen estabilidade política e confianza económica. Permiten combater a pandemia e os seus efectos económico-sociais con superior eficacia. Facilitan a aplicación dos inxentes —e imprescindíbeis— fondos europeos. Consolidan a viraxe progresista en materia social e a abertura á diversidade territorial española. Non sorprende así o voto favorable dunha ampla maioría parlamentaria desde o centro temperado á esquerda. A estratexia de polarización, non o contido, explican a oposición das forzas de dereita, que impugnan a lexitimidade do Goberno e axitan espantallos colaterais.

Neste contexto destaca, por singular, a posición do Bloque Nacionalista Galego (BNG). Retrocede desde a investidura e descólgase do conxunto das forzas progresistas para sumar o seu voto á dereita rancia e castiza, ao independentismo burgués de Torra e aos antisistema da CUP. A explicación dada: o orzamento discriminaría a Galicia.

Primeiro, non é certo. Os Orzamentos non só introducen unha contundente compensación ás tarifas da AP-9. Asignan investimentos territorializados que superan con creces á media española por habitante e aumentan sobre os do ano 2018, se descontamos os fondos absorbidos polo AVE —unha vez chegue a Galicia cómpre atender as xustas demandas doutros territorios, como Estremadura—. E, sobre todo, cómpre aínda asignar inxentes fondos UE, que agardemos apoien potentes proxectos presentados desde Galicia —e para os que unha posición negociadora do BNG sería estimable—.

Segundo, non é o asunto clave. Hoxe é decisivo cubrir as necesidades perentorias das familias sen ingresos, dos traballadores despedidos ou en expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE), dos autónomos sen actividade e das empresas viábeis en risco de quebra. Para iso é imprescindible o orzamento.

Terceiro, porque é un pretexto. O deputado do BNG tampouco apoiou a Lei Celaá ou o ditame sobre as pensións —que contempla a actualización co IPC—.

Non. É unha posición política singular, de excepcionalidade dentro da esquerda. Nada útil. Que lle impide mobilizar a súa forza en favor dunha axenda social e territorial ambiciosa. Coincidindo cos defensores dunha España que mira ao pasado, menos solidaria e progresista, máis centralista. Se non son quen de acordar coas forzas do centro e a esquerda, nacionalistas ou non, con quen pretende o BNG influír na política española?