Prognóstico da lei Celaá

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

FERNANDO VILLAR

O que vai durar a lei Celaá sabémolo todos: esta lexislatura. Logo virán outros a cambiar o que nela se indica. Dá igual quen sexan estes e os outros, porque o círculo vicioso leva unha eternidade así. 

Veño, dispoño, marcho. Vén outro distinto, dispón outra cousa, marcha de novo. Así ata a saciedade. E mentres, imos construíndo plans educativos que, con tanto cambio e distorsión, deixan de ser un plan e aumentan o descontrol e a desorganización. Alumnos afectados, pais desconcertados, docentes en continuo cambio e adaptación... E así, ata cando?

E ollo! Non estou entrando a valorar ningunha das medidas da lei nin das anteriores, só poño de manifesto o feito de que o tipo de goberno por decreto non resulta o máis produtivo para ningún dos sectores que forman parte desa comunidade.

Hai xa un tempo, varios anos, nos que os sucesivos dirixentes presumen de seren os máis dialogantes, os máis versátiles, os que agrupan a maior parte da sociedade... Pero logo, nun tema tan importante coma a educación, cada un fai o que lle parece ben exclusivamente a eles, sen intentar buscar (e lograr) consenso. Así que, cando estes marchen, volverá cambiar o conto. Intúo, sen medo a errar moito, que se levará a cabo unilateralmente. Pois nada, seguimos.

Miren unha cousa. Que tal se lle pedimos aos Reis Magos que lles regalen lentes aos gobernantes? Unhas nas que se vexa ante todo a sanidade, a educación e o coidado aos maiores, por exemplo. Que a nosa esperanza sexan as Maxestades de Oriente... malo.