Paréntese


Hai algúns anos que escoitei a teoría da «paréntese de Gutenberg», desenvolvida polos daneses Thomas Pettitt e Lars Ole Sauerberg, e quedei fascinada coa idea de que un cambio tecnolóxico como foi a invención da imprenta, producise non só un cambio cultural radical no xeito que temos de ser, estar e pensar, senón que o cambio tecnolóxico no que estamos agora, o da Internet, lévanos de volta a un xeito de aprender e de pensar similar ao que houbera antes da imprenta do século XV. Antes da imprenta a oralidade era fundamental. En cambio, durante os séculos nos que a letra impresa (e contida) era a única forma de distribución do pensamento, a oralidade pasou a ser secundaria. E logo, coa chegada de Internet, estoutra forma de «oralidade» (con Google e as redes sociais) volve a ser fundamental no xeito que temos de relacionarnos.

Estes días matinaba sobre canto están a cambiar as realidades profesionais que coñezo durante a pandemia. Pensaba na supervivencia das profesións relacionadas cos eventos culturais, e na adaptación a este novo xeito de facer da casa un escenario. Pensaba tamén en como afectará a actual sobredose de contido cultural dixital no xeito de crear da seguinte xeración. E nos docentes, que fan da súa habitación unha aula mentres loitan pola atención duns alumnos que están tan fartos coma eles desta situación.

Seguindo a teoría de Pettitt, quero pensar que a pandemia é tamén unha paréntese, e que este xeito de sentir, crear e comunicarse a través das redes é unha consecuencia temporal. E que cando todo isto pase, volvamos a apreciar a beleza da oralidade (e de facer da nosa horta un escenario) pero a poder ser, sen unha pantalla polo medio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Paréntese