Priorizando ás persoas

Gonzalo Caballero SECRETARIO XERAL DO PSDEG-PSOE

OPINIÓN

30 oct 2020 . Actualizado a las 07:56 h.

Vivimos nunha crise de enorme envergadura. Veñen por diante tempos difíciles, como evidencia esta segunda onda da pandemia. E necesitamos saír desta crise facendo o máximo esforzo colectivo posible para tratar de que ninguén quede atrás. Fronte ás políticas da austeridade e dos recortes coas que se respondeu erradamente á anterior crise, medra o consenso de que cómpre agora políticas keynesianas que impulsen o consumo, o investimento, a produción, o emprego. E sobre todo, cómpre tamén desenvolver políticas que protexan á cidadanía apostando pola sanidade, pola educación, polo benestar, pola vivenda, pola investigación.

Os orzamentos do Goberno progresista para España son, nunha situación excepcional, os máis sociais da historia e buscan defender ás persoas fronte a crise. As pensións e os salarios dos empregados públicos subirán un 0,9 % e as pensións non contributivas un 1,8 %. Un millón de galegos percibirán estes incrementos directamente nos seus ingresos mensuais, pero ademáis o goberno seguirá protexendo a un gran número de traballadores afectados pola crise. Como exemplo, aínda hoxe en día máis de cento vinte mil galegos perciben unha prestación social, como ERTE ou desemprego, pagada polo Estado, máis de cen millóns de euros ao mes.

Máis estado do benestar, máis investigación, máis avance tecnolóxico e compromiso climático. Xunto ao maior incremento de gasto social en dependencia, apóstase tamén por un incremento do 151 % en sanidade, do 70 % en educación, do 367 % en vivenda, do 25 % en cultura, do 59 % na loita contra a pobreza infantil, do 90 % en I+D+i. Todas estas son prioridades, xunto ás medidas de política económica, industrial e enerxética para facer fronte á transformación dixital e á transición ecolóxica.

Nunha Galicia con salarios e pensións por debaixo da media do Estado, o compoñente social dos orzamentos é o fundamental para os galegos e galegas. Pero tamén en investimento estes orzamentos cumpren con moitos retos e proxectos necesarios en Galicia. Máis de 1.000 millóns en investimento chegarán a Galicia. Sempre solicitaremos máis, porque sempre hai moito que facer, pero certos datos son ilustrativos. Algúns queren basear a súa estratexia nun «España nos roba», pero nada máis lonxe da realidade.

Galicia é a sexta comunidade autónoma que recibe máis fondos de investimento territorializado. Así, nos orzamentos o investimento territorializado en Galicia é de 308 euros por habitante, mentres para Cataluña é de 260 euros, para Madrid de 188 e para Andalucía de 255. A media en España está en 258 euros por habitante. Cumpridas todas as necesidades orzamentarias para a chegada do AVE a Galicia, o investimento en Galicia segue estando ben por riba da media española.

Pero, ademáis, estes son os orzamentos da rebaixa histórica das peaxes da AP-9. Os socialistas cumprimos co noso compromiso con Galicia: 63 millóns de euros para rebaixar os custes de circular pola AP-9 no 2021. Tendo en conta todo o anterior, apoiarán os orzamentos o PP e o BNG?