A ventilación das aulas

Celso Currás
Celso Currás A NOSA ESCOLA

OPINIÓN

Santi M. Amil

28 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Desde o inicio da xestión da pandemia vimos asistindo a atrasos na toma de decisións e a faltas de previsión, que dan lugar a rectificacións e paus de cego. O verán non foi aproveitado para levar a cabo unha serena revisión sobre as medidas a tomar no comezo do curso e, xa que logo, houbo que improvisalas despois. Unha delas é a ventilación nos centros educativos, que xa figuraba no Protocolo de adaptación ao contexto da covid-19, na súa versión inicial do mes de xullo. Pero a pesar da súa gran importancia para evitar a transmisibilidade do virus, non significou realmente unha preocupación para as administracións públicas ata que os pais de alumnos deron a voz de alarma e mesmo algúns apareceron nos centros con mantas.

O último protocolo, de hai pouco máis dun mes, establece como obrigatorio un tempo de 15 minutos de ventilación ao inicio da xornada, nos recreos e ao final das clases, con independencia da recomendación de manter abertas as ventás o maior tempo posible. Pero ademais, se un grupo de estudantes cambia de aula, ventilarase de novo esta. É obvio que cando empece o frío estas accións han provocar nos centros uns cambios de temperatura que, ademais de afectar ao rendemento dos alumnos, provocarán catarros e sintomatoloxías moi parecidas ás causadas polo virus, dando lugar a situacións de confusión e alarma.

O CSIC vén de publicar unha guía técnica que axuda a cada centro a planificar a renovación do aire en función de variables específicas do contorno, como son o ruído, a contaminación ou a climatoloxía. Pero as administracións públicas xa tiñan que ter implantado solucións de carácter xeral que impidan o aumento de comunidades educativas que están a ir por libre instalando, por exemplo, equipos que controlan o anhídrido carbónico e purifican o aire con filtros especiais. Por suposto que a ventilación natural é a máis recomendable, pero haberá casos nos que sexa recomendable combinala con outros sistemas, que deberán autorizarse a nivel oficial.