A sorte de ser galega

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

MARCOS MÍGUEZ

Ana ten sete anos. É bilingüe, fala galego e castelán. Cambia de idioma segundo ela considera. Sei que no colexio case non usa o galego. Con todo, defínea a característica da lingua galega.

O outro día díxome que cría que era a única do cole (entendo que é o anaco de cole que ela manexa) que sabía falar o galego, porque os compañeiros continuamente lle pedían que lle traducise palabras do castelán ao galego. Dicíao rindo, pero tamén algo triste. Comentou algún exemplo concreto dun compañeiro.

Logo calou uns segundos e preguntou. Mamá, el tamén é da Coruña, non? Eu afirmei, e fíxose o silencio, ata que preguntei a razón da pregunta.

É que me dixo o outro día: «Qué suerte tienes, Ana, que eres gallega».

E torceu o bico. Algo non vai ben así, e ela sábeo.

A min fíxome pensar moitísimo. Por unha banda, está ben que asocien xa desde pícaros que a identidade dunha persoa tamén vai asociada a unha lingua propia. Pero, por outra banda, en que punto estamos? As xeracións que teñen nas mans o futuro xa non se senten galegas? Non saben que o son?

Dáme moitísima pena. Si, xa sei que me van dicir que para ser galego non hai que falar galego e que son unha esaxerada. Pero é que isto foi verídico e natural. Xa se sabe, a realidade manda.

Quero quedar coa parte positiva do momento, que é cando o rapaz di: que sorte tes. Unha sorte, claro que si.

Iso é o que deberiamos interiorizar, o afortunados que somos, cos tesouros que temos. Será moito soñar pensar que un día será posible sentir fachenda?