Manoliño Goreiro

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

AGUSTIN MARCARIAN

11 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Na beirarrúa do barrio porteño de San Telmo, na esquina das rúas Chile e Defensa, hai un banco de madeira para Mafalda, a figura das historias do debuxante Quino, que faleceu hai poucos días. Tiña 88 anos. Mafalda algúns poucos menos: 56. Os primeiros cadriños gráficos da mociña empezaron a publicarse en 1964, na revista Primera Plana, un dos clásicos do xornalismo bonaerense da época, e mantivéronse ata o ano 1973, coincidindo coa chegada ao poder de Juan Domingo Perón no seu terceiro mandato. Quino nunca presentou ese final relacionado coa nova situación política mais tampouco disimulou as súas preferencias por outro modelo, neste caso máis próximo ao Partido Radical (Raúl Alfonsín), no que se sentía máis libre, ou menos condicionado.

Sempre que vou a Buenos Aires fago un oco na axenda para visitar o banco de Mafalda, onde algunhas veces poñen tamén algunha figura dos seus amigos: Susanita, Felipe, o pequeno Guille e, sobre todo, o Manolito. Manoliño Goreiro, fillo de galegos, que pare min é un dos personaxes máis conmovedores. Quino vivía na casa que está fronte do banco de Mafalda. Os veciños recórdano con afecto, coma un personaxe moi próximo, propio dun barrio onde todos se coñecen, barrio histórico no que, por certo, se instalaban moitos emigrantes de Galicia a pouco de chegaren, igual que en Avellaneda, con establecementos de comestibles, almacéns, panaderías, boliches…

A dúas cuadras do piso onde durante anos viviu o debuxante está o almacén de don Manolo. A primeira vez que o visitei, guiado polos propios veciños do barrio, rexentábao unha parella nova, oriúnda de Vilagarcía de Arousa, que seica llo alugaran ao fillo do propietario, tamén chamado Manuel. A parella mantiña o local case coma nos días de Mafalda: a clásica tenda humilde de barrio onde se vendía de todo, dende comestibles a revistas, chambo de noveliñas baratas, produtos de limpeza, con moitos retallos de prensa contra a parede nos que se facía referencia a Mafalda e os seus amigos, principalmente Manoliño. Non vin explotación turística. Tampouco resentimento. Máis ben todo o contrario: o personaxe formaba parte da crónica de todos eles, con humor, conscientes de que as caricaturas reflicten tipos humanos que en gran medida son o relato heroico da supervivencia, a historia daquelas xentes que, con estudos limitados, loitaron para saír adiante como mellor puideron. A ilusión dun proxecto de supermercados seica era un soño divertido do vello Manuel, o primeiro propietario do local, a ilusión de todo traballador que desexa medrar co seu esforzo. «Pero nunca vendendo lentellas podres», advertiu a parella. «Esas cousas véndenas outros, dende alturas bastante superiores e mesmo sen ter que render contas» Todos entendemos o que querían dicir.

Anos despois, cando volvín polo barrio, a tenda xa cerrara.