Os certames literarios galegos non teñen covid, pero son propensos ás infeccións. Non eses premios onde o anonimato garante certa inmunidade, senón aqueles onde se unxe unha obra coma a mellor, ou un autor coma o inimitábel en quenda. Ás escritoras adoitan importarnos pouco, pero cobizámolos igual, mentres ollamos estupefactas como o mellor libro dun ano nunca é o mesmo nos distintos certames e listas top do seguinte, igual que esa obra xamais coincide coa máis vendida en librarías, así que cruzamos dedos para que non se vendan as nosas novelas, a ver se cae algún recoñecemento.
Hai tamén un sentido xusticeiro nas académicas cadeiras dalgúns certames onde cren repartir as migallas de algo. Por iso hai lobbies de mulleres que se adxudicaron decidir o que para elas ven sendo as vaxinas máis dignas de mención, editores que só propoñen textos que publicaron eles, e xentes que non len pero levan recado. Velaí o que hai detrás das faixas deses libros premiados que volven ás mesas de novidades, motivo que vostedes consideraban abondo para que agardásemos ansiosas pola Gala do Libro. Que va! Era para ter de que falar! A última foi xenial: e non levou o premio ao mellor libro de 2019 unha obra publicada inicialmente en 2015! Como no 19 non publiquei e non aspiro ao correspondente loureiro (a base da nosa alimentación que paga silencios), permítome falar deste laboratorio con fugas que é a nosa literatura. E sei que, ao xeito dun científico chinés lareto, este alarde impedirá a miña candidatura a ser boa escritora, como mínimo, no 20 e no 21, para desgusto do meu editor, que conta facerse millonario. Pero tanto ten. Vivirei da vil pobreza outorgada polo público que, sen medo a infectarse, le a quen escribe sen máscara.