Célula de universalidade

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

Sandra Alonso

04 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Soñar o país dun xeito diferente, coa ambición de estar no mundo sen necesidade de intermediarios, sen dependencias que nos limiten, coa ambición dun tempo novo a construír. Velaquí a angueira daquel pequeno grupo de persoas que, aínda sendo poucos, tan profundamente marcaron a nosa cultura, a maneira de entender a nosa condición de galegos soberanos, donos de nós, ás veces mesmo desafiando a lei da gravidade.

Ana Acuña e Afonso Vázquez Monxardín son os comisarios da exposición Galicia, de Nós a nós, que podemos visitar no museo do Gaiás ata os primeiros días do próximo mes de xaneiro. De seguido viaxará a Ourense e Pontevedra, as dúas cidades de referencia respecto das orixes da revista que deu nome a toda unha xeración (1920-1936). En Ourense, Vicente Risco, Otero Pedrayo e López Cuevillas. En Pontevedra, Castelao e Lousada Diéguez. Eran os fundadores, os pais da criatura. Logo viñeron máis, incluído o xeneroso labor de Anxel Casal, o seu editor, para deitar unha ponte entre os máis vellos (as Irmandades da Fala) e os que foron chegando despois (a xeración do 36).

O pasado venres presentamos no Parlamento de Galicia o libro Ricardo Carvalho Calero. Orador. Discursos e leccións, edición, introdución e notas de María Pilar García Negro. Unha escolma de intervencións públicas do autor dende o primeiro discurso lido como alumno da Facultade de Dereito na apertura de curso 1930-31 en Compostela (apenas tiña Carvalho 20 anos) ata as reflexións últimas sobre a lingua e a identidade galega (1988/89), pasando polo discurso de ingreso na Real Academia Galega (1958) dedicado a unha das súas grandes devocións: Rosalía de Castro.

Carvalho Calero era un daqueles mozos que nos anos 30, principalmente da man do Seminario de Estudos Galegos, colaboraban na revista Nós: Lois Tobío, Antonio Fraguas, Ramón Martínez López, Xoaquín Lorenzo, Xosé Ramón Fernández-Oxea, Francisco Fernández del Riego, Fermín Bouza Brey... Abrían o portelo do futuro e da continuidade, aínda que a continuidade ficase fanada polos tráxicos sucesos da Guerra Civil.

Ambos actos, a inauguración da exposición e a presentación do libro, empatan nun mesmo plan estratéxico, esa ponte que, como dicían os comisarios da mostra, afinca en dúas beiras: dunha banda a memoria dos Precursores e as xentes do Rexurdimento (Rosalía, Curros, Pondal, Murguía) e doutra banda os continuadores, non só os mozos que participaron activamente naquelas páxinas, senón os que fomos descubrindo o mundo despois, a ambición de ser nós mesmos, a partir daquela sementeira. Galicia, célula de universalidade, reivindica un sitio no concerto dos pobos e as culturas, sen complexos. A modernidade é isto: espírito crítico para a creación, capital humano capacitado e un proxecto de futuro que nos ilusione e active.