¡Viva el rey!


Despois da legalización do PCE, en 1977, Santiago Carrillo fíxose juancarlista de toda a vida e o rei, que percibiu aquela lealdade, confiáballe as súas inquedanzas: «Don Santiago, tengo serias dudas de la existencia de monárquicos en España». Había poucos, si; pero a actuación do rei a noite do 23-F de 1981 esfarelou moitas conviccións republicanas e os máis dos demócratas vimos no juancarlismo o antivirus contra a pandemia do franquismo. O PSOE, republicano de nacemento, fíxose juancarlista de corazón; e Peces Barba, presidente do Congreso, admitiu que a monarquía pode ser máis democrática que a república.

Malia verse involucrado nalgún escándalo financeiro, eran días de viño e rosas para don Juan Carlos, que, en 1993, declaraba a José Luis de Vilallonga: «Mi tarea consiste en obrar de forma que los españoles vuelvan a reanudar la tradición monárquica». «Tengo que demostrar que la monarquía puede ser útil al país». O home estaba cheo de boas intencións, pero aínda que o espírito estea presto, a carne é fraca; e, claro, pasou o que pasou e don Juan Carlos dilapidou o inmenso caudal afectivo que colleitara aquela noite e deixou ao fillo endebedado ata as orellas.

Don Felipe teno difícil. Os xoves ven na monarquía unha institución obsoleta, mesmo antidemocrática; e, ademais, a cautela, tan valiosa nos monarcas parlamentarios, non está entre as súas virtudes. O pasado 3 de febreiro, mentres a presidenta do Congreso, a socialista Meritxell Batet, remataba o discurso de apertura da XIV Lexislatura, presidida por Felipe VI, con vivas á Constitución e ao rei, 49 deputados e senadores de ERC, JxCat, CUP, Bildu e BNG daban a coñecer un manifesto: «Las fuerzas políticas independentistas, soberanistas y republicanas firmantes de esta declaración queremos manifestar: la Monarquía española y su máximo exponente, el Rey de España, no nos representan».

O catalanismo non esquece o seu discurso do 3 de outubro de 2017, no que acusou aos políticos soberanistas de deslealdade aos poderes do Estado e instou ao Goberno a asegurar a orde constitucional. Días despois, o presidente Rajoy aplicou o artigo 155 e o papel moderador atribuído aos reis esvaeuse.

Enténdense a indignación de don Felipe por non asistir á entrega de despachos aos novos xuíces en Barcelona e o «¡Viva el Rey!» dos xuíces ante as torpes xustificacións do Goberno; pero a obriga do rei é calar e roela. Diso sabe moito seu pai, tantas veces ninguneado polo presidente Aznar, que chegou a sinalalo co dedo mentres dicía aos xornalistas: «Y a este lo mando a Polonia». Era o ano 2001 e mandouno coa raíña e o ministro Piqué. Nese mesmo ano o presidente Bush e a súa dona visitaron España, e Aznar e Ana Botella deixaron aos reis con protagonismo mínimo, nun escurísimo segundo plano. Don Juan Carlos calaba, pero reaxía co «ollo por ollo, dente por dente», e o mesmo día que Aznar foi recibido por Bill Clinton na Casa Branca chafoulle a foto de portadas anunciando a voda da infanta Cristina con Urdangarín.

O silencio dos reis é ouro. O conde de Romanones valorábao tanto que ata lle valía para rei don Jaime, o infante xordomudo: «Un rey que ni oye ni habla es un rey perfecto. ¿Qué más podemos desear?»

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
53 votos
Comentarios

¡Viva el rey!