Limpeza escolar

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Álex Zea | Europa Press

29 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Andamos a voltas aínda coa lea da limpeza nos centros educativos. Que se corresponde á Xunta, a Educación, ao concello, que se hai máis aulas, igual persoal...

Por outra banda, hai puntos con xel hidroalcólico (se poden, laven as mans con auga e xabón, evitando o exceso deste outro produto, que é máis agresivo) a cada pouco, frechas no chan, mamparas...

Pero hai outra limpeza, que me preocupa moito: a de contidos.

Lembran como foi o confinamento? Lembran quen nos abriu as ventás da alma cando nos pecharon dentro de catro paredes? As materias maría volvéronse indispensables: debuxo, lectura, música, exercicio físico... Xa non o lembran? Non o creo.

Pois ben. Sexan un pouco máis agradecidos e mantéñanas vivas e en activo. Que teñen que pechar bibliotecas para usar coma aulas? Enténdoo. Pero os libros non teñen que desaparecer, nin as lecturas, nin as actividades que as fomenten. Haberá que formulalas doutro xeito, pero iso non ten porque implicar a súa perda.

Podía fiar máis. Hai centros escolares nos que se eliminaron os libros de lectura do curso. Por iso de que non toquen tanto papel, para evitar contaxios... Ben, hai que dicir que xusto van eliminar as lecturas en galego... Vaia! Que casualidade!

A limpeza escolar é outra cousa. A pandemia da covid-19 non pode ser escusa para nada. Nin para eliminar postos laborais, nin para converter os traballos dignos noutros precarios, nin para modificar o contido curricular ao antollo.

Necesitamos toda a educación, física e mental.