Chega a década xacobea: 2021, 27 e 32


Definir este último ano como un ano atípico sería quedarnos curtos. 2020 puxo todo patas arriba e aínda hoxe afrontamos o futuro con incerteza. É normal nestas circunstancias. Pero ese futuro tamén o vemos con esperanza, porque ao mesmo tempo vai ser un inicio, e os inicios sempre teñen un punto importante de ilusión. O turismo, o noso turismo, non é alleo a ese sentimento.

En pouco máis de tres meses comeza a década xacobea. Tres anos santos nun curto período de tempo: 2021, 2027 e 2032. Unha oportunidade histórica que debemos aproveitar. Hoxe, Día Mundial do Turismo, témolo máis presente que nunca.

Esa década xacobea debe ser un camiño ascendente que nos devolva aos niveis de crecemento que estaban previstos antes da pandemia. Era un camiño firme e cara arriba que sufriu un frenazo polo covid. Agora toca reiniciar ese camiño cun comezo claro: o Xacobeo 2021, un trampolín e un motor no que se apoiarán o noso turismo e, por extensión, a nosa economía.

Porque se, como estamos convencidos e como non me cansarei de repetir, vivimos no mellor lugar do mundo, o noso reto é facer que a xente que non coñece Galicia tamén se convenza. Non deixaremos de promocionar, de publicitar e de ser imaxinativos para atraer os máximos visitantes posibles.

Temos moito que ofrecer. Sempre. Pero especialmente nestes tempos difíciles que, ao mesmo tempo, constitúen unha oportunidade. Os datos de ocupación deste verán fannos pensar que estamos no certo. Houbo un baixón, como é evidente, unha pedra no camiño, xa que falamos tamén de xacobeo, pero o comportamento de Galicia foi claramente superior ao do conxunto de España. Por exemplo, en xullo Galicia comportouse 22 puntos mellor que a media nacional. En agosto, esa brecha medrou ata os 24 puntos.

As estatísticas reflicten que os turistas ven Galicia como un destino seguro, e iso a día de hoxe é fundamental. A base está nas propias características do noso turismo: contorno natural e pouca masificación. Pero tamén contribuíron o empeño que mostramos en apostar por unhas medidas sanitarias estritas e o convencemento do propio sector, co clúster á cabeza, acompañante responsable, profesionalizado e imprescindible neste proceso de concienciación. Unha mensaxe que chegou ao resto de España: podedes vir, estaredes seguros, aquí fixemos as cousas o mellor posible.

Sei que agora parece difícil de imaxinar, pero nuns meses a vida será moi diferente a como a vemos agora. O turismo tamén, así que debemos estar preparados. Debemos manter os nosos sinais de identidade, apostar pola seguridade de todos e mirar ao futuro con ilusión e optimismo. Non pode ser doutro xeito. Estamos no Bo Camiño. Sigamos camiñando..

Por Alfonso Rueda Vicepresidente de la Xunta de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Chega a década xacobea: 2021, 27 e 32