Un poema de John Donne


Sospeito que esta marea vai parecer un chisco inxenua. Alomenos en opinión dalgúns amigos que insisten en que é unha característica do meu carácter: que me fío da xente, e a xente ten reviravoltas. Todos temos reviravoltas, certamente, pero se non apostamos pola posibilidade de construír espazos de entendemento, mesmo aceptando ese posible punto de inxenuidade, mellor apagar a luz.

E isto ten que ver coa celebración do 75 aniversario da creación da Organización das Nacións Unidas (24 de outubro de 1945) que estes días convoca líderes internacionais a falar da necesidade de fortalecer ese espazo político que naceu despois da Segunda Guerra Mundial, mesmo considerando o fracaso da súa predecesora a Sociedade de Nacións (1919-1946). Unha inxenuidade? Nos tempos que nos toca vivir nunca foron tan necesarios estes espazos de encontro, representación internacional, procura de diálogo, reivindicación da palabra, cooperación, recursos compartidos, aínda que nos parezan inútiles. O panorama non sempre é optimista. As intervencións das grandes potencias, que teñen dereito a veto e das que dependen grande parte dos recursos económicos para o desenvolvemento destes foros internacionais, non son para botar foguetes.

Pero aquí estamos: nós e os que veñen detrás de nós, se queremos pensar nos nosos fillos e nos nosos netos. O documento máis transcendente da ONU é, na miña opinión, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos (1948). Alí están os principios do discurso, que podemos remontar aos alicerces históricos da nosa civilización.

Mais hai outro documento que conviña recuperar estes días, bastante máis recente, a chamada Declaración do Milenio (2000), redactada para afrontar os grandes desafíos que o século presenta, e que xa están aquí: a pobreza, a educación, a igualdade entre os seres humanos, con atención especial á igualdade de xénero, con políticas decididas a prol da dignidade da muller; a mortalidade infantil, a saúde pública, a loita contra as pandemias e as enfermidades que castigan países enteiros ou amplas capas de poboación (dende a sida ata o ébola e o covid dos nosos días, pasando por outras aparentemente menores como a tuberculose, a malaria, etcétera, que seguen activas), a loita contra o cambio climático, as políticas de desenvolvemento sustentable, único xeito de afrontar as desigualdades entre os pobos.

Os grandes desafíos do século, que algunha vez enumeramos nestas mareas, non son desafíos locais, senón universais, que ou se afrontan dende eses espazos de relación (decisión) aos que nos referimos ou escusamos pensar que teñan remedio. Hai un vello poema de John Donne, que serve de limiar á novela de Ernest Hemingway Por quen dobran as campás (1949), que remata así: «Ninguén é unha illa. A morte de calquera me afecta, pois estou unido a toda a humanidade, por iso nunca preguntes por quen dobran as campás. Dobran por ti». A novela céntrase na guerra civil española, inspirada no movemento de solidariedade a prol da causa republicana que foron as Brigadas Internacionais. Daquela a Sociedade de Nacións escolleu mirar para outro lado. Foi un dos seus últimos fracasos. Hoxe temos Siria, os campos de Moria en Lesbos, os nenos de Tinduf, Somalia, os ranchitos de Caracas, as fabelas de Río ou Salvador de Baia, as «villas miseria» de Buenos Aires, os incendios da Amazonia e California, a desfeita das grandes áreas do Ártico, os nosos velliños nas residencias desatendidas… Todos están no poema de John Donne.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Un poema de John Donne