Apagar o lume


Pois xa está. Xa se apagou o lume. E dirán que foi un éxito porque, neste caso, non morreu ninguén devorado polas lapas.

Pois nada, a outra cousa, daquela, coma se disto non houbese máis que falar.

Non, xente, non. Non podemos seguir así ano tras ano, lexislatura tras lexislatura, goberno tras goberno. Dá igual que sexamos de dereitas ou esquerdas. A terra pisámola todos. A terra, que obvio!, é quen nos dá de comer, quen nos permite a vida. A terra, o aire, o mar. Si, tres elementos fundamentais. Dáme ata vergoña ter que lembralo, coma se alguén non soubese isto. Ah, que falta o lume para a listaxe histórica dos catro elementos fundamentais, os da creatividade.

Pois teñamos algo de creatividade, porque está claro que xuntar a terra e o lume trae problemas. Isto sabémolo desde tempos inmemoriais. Pero nós somos uns perigosos desmemoriados. Apagamos o lume e xa está. Se non morre ninguén, aquí non pasou nada.

Non! Aquí deixamos a terra inservible para unha chea de anos, inconmensurables. E posiblemente sexa irreparable, aínda que nos supere unha eternidade.

Non lles parece un bo momento este para poñer o debate sobre a política forestal e de prevención de incendios enriba da mesa do debate do Parlamento? Non é que non sexa bo momento calquera outro. Pero xusto agora, que deberiamos estar cheos de frustración, pena e carraxe, sería estupendo para pelexar sen descanso.

Este lume tamén hai que apagalo. Con propostas, ideas e compromiso. Con cabezas que pensen por, para e desde Galicia.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Apagar o lume