Queroseno para os libros


Hai cen anos nacía Ray Bradbury, o autor de Fahrenheit 451. O libro fala dun mundo non moi futuro, que xa estaba anunciándose cando a novela se publicou (1953) e que tanto tempo despois confirmamos que si, que é verdade.

Na novela de Bradbury os libros están prohibidos, e hai bombeiros que, en troques de apagar lumes, o que fan é localizar calquera cousa impresa para rociala con queroseno e prenderlles lume. A cultura, pois, pasa a estar prohibida en nome dun suposto benestar. Nada de pensar: obedecer. Os libros non serven para nada. A censura é garantía de liberdade.

A sociedade que nos anuncia Bradbury é coma esta, afirmo. E pódese pensar: esaxerado. Pero non. É esta sociedade, esta mesma. Bradbury explica como a censura se volveu global e a queima de libros (hoxe non se queiman libros, xa o sei, pero, cal é a importancia que se lle dá á cultura, por que desaparece sempre a Filosofía dos planes de estudo?) faise para eliminar ideas disidentes. Coma hoxe, aínda que sen bombeiros como os da novela. Ou si. Hoxe hai bombeiros, claro que si. É máis prescritora de coñecemento, de valores, de comportamentos Belén Esteban ou calquera triunfito que o profesor de Literatura do instituto. Mobilizan máis a xente os futbolistas tatuados repeiteados estilizados á moda que as lecturas prescritas polas profesoras e profesores coa súa mellor intención. Sergio Ramos é máis importante que Rosalía de Castro. Jorge Javier Vázquez máis que Castelao. Un toureiro e os seus amoríos, máis que Afonso X, que hoxe non sería alcumado O Sabio, senón O Pringado. Calquera influencer de TikTok máis que todo o que se traslada dende as aulas con dedicación e esforzo.

Non serei eu quen diga que calquera tempo pasado foi mellor. Probablemente, como calquera outra frase con vocación de global, atesoura no seu interior un lote de inxustizas. Pero si que podo dicir que a sociedade actual, no que ten que ver coa liberdade que implica o coñecemento, si que é peor. A censura, que sempre identificamos como algo malo, xa se empeza a admitir tacitamente. Trump, señor que señorea os señoríos planetarios, fala dos medios de comunicación como elementos «deformadores da realidade». Da súa realidade, obviamente. Por iso se permite o luxo de falar de «realidade alternativa». Os partidos políticos gastan millóns de euros en estratexias comunicativas que o que procuran é que as xentes sigamos consignas e, por suposto, que non pensemos. O conxunto das televisións... mimadriña. O fútbol como o opio do pobo.

Os libros arden. As ideas arden. O pensamento crítico arde. E con todo iso, envolvidos en queroseno, ardemos nós.

Por Francisco Castro Escritor e editor

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
5 votos
Comentarios

Queroseno para os libros