Os outros virus que padecemos

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Jacob King / PA Wire

08 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten que ser un virus, ou non se explica. O confinamento fechounos nas casas, limitou a mobilidade, illounos e amputou parte da nosa vertente social, ese compoñente innato da humanidade polo que vivimos dentro dun conxunto.

Estamos tremendamente afectados pola pandemia do covid, pero existe outro virus anterior que aínda non fomos quen de erradicar, nin sequera manter á raia, e que me preocupa moitísimo. Refírome á violencia. Ten que ser algo así coma un microbio, unha minicouza que nos roe o cerebro. Doutro xeito, non mo explico. Hai violencia verbal e física. As agresións están á orde do día, arrodéannos por onde vaiamos e resultan unha ameaza. Hai violencia dentro das aulas, dentro da casa, dentro do traballo... e na rúa. Un morto e sete feridos veñen de sumar en Birmingham por feridas de arma branca. Así, sen máis, un vai camiñando pola rúa e alguén fai das nosas veas e arterias un coador. Porque si. Porque nos elixiu nunha ruleta imaxinaria.

A vida non é un xogo. Non podemos lanzar un número ao aire e decidir se esa persoa merece seguir respirando ou non. Hai algo que non funciona ben nas cabezas de quen manca, fere, estraga ou produce calquera dano. Díganme que é un virus. Que tamén imos atopar unha vacina. Díganme que diso podemos saír...

Non hai quen me calme, quen me asegure absolutamente nada. Nin sequera se ve unha luz ao final do traxecto. Non sabemos cales son as medidas máis eficaces... e non damos atallado este problema. Nin sequera agora, en plena crise mundial de saúde.