Agosto, 20

Xose Carlos Caneiro
Xosé Carlos Caneiro O PAÍS DAS MARABILLAS

OPINIÓN

20 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Todos teñen un vinte de agosto na memoria. Case todos. Eu, non. Dende o santo de mamá, o día quince, todo comezaba a decaer. Era un declive constante. A decadencia. Non esperaba nada do futuro. E menos de setembro, que é un mes marrón e traidor. Cos anos aprendín que a fin de agosto ten o seu encanto. Non digo o encanto de Alicia no país das marabillas, pero algo así. Todo se transforma. Os días comezan a cortar con navalla o horizonte. Monterrei é máis laranxa. No río escoitas con claridade aos xílgaros, que sonatean un cantar melódico, feliz pola marcha das calores. E esperanzado. Os paxaros son os únicos que teñen esperanza. E os gatos. O meu é un inconsciente. Non nos queremos demasiado, pero soportamos o paso dos días con estoico afán. El, comendo e xogando. Eu, estes días lendo a Camilo José Cela. Inmenso! Qué xenio! Só un país pusilánime pode non presumir dun talento como este. Cela legounos, ademais da súa obra, a súa fundación. Sen dúbida a mellor fundación literaria do planeta. E aí está. Sen ser aínda un centro de gravidade para amosármonos ao mundo. Somos así. Preferimos cantar glorias e vitorias de autores menores e ocultar a Cela. Nunca aprenderemos. Fuximos de nós para ir a ningures. Estes días atrás Ana Pontón aparecía cun alto cargo de ERC reclamando. Non importa qué. Quizá reclamando un país que non existe: empeñados no erro singular de querer parecérmonos a Cataluña, que non se parece a Nós en nada. O país, a vinte de agosto, é unha fotografía repetida. Nós, fillos de Rosalía e Cela: talentos insuperables. Non o proclamamos con énfase. Ocultamos ao mestre. Seguimos camiñando na corda frouxa do minifundismo. Un vinte de agosto todo é decadencia.