Posesión de respecto

María Canosa
María Canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

Non é o primeiro caso no que a persoa agredida non é quen de denunciar os feitos deplorables. Ás veces son as testemuñas as que reaccionan e alertan dos delitos.

Isto foi o que pasou hai uns días nunha rúa dunha cidade galega. Un home mallaba na súa parella. Golpeouna na cabeza, deulle patadas, inmobilizouna, empurrouna... Vaia, que non había dúbida.

Non estaban sós na rúa, por iso houbo quen se interpuxo entre a parella e intentou deter a agresión. Tamén alguén que os viu decidiu chamar á Policía Local. Presentáronse no lugar para deter ao home, que non era a primeira vez que exercía accións deste tipo, aínda que non fora denunciado con anterioridade.

O máis sorprendente da detención foi que o home tiña máis que dicirlle á patrulla. Era a «súa» muller. Parecíalle incrible que o fosen deter por propinarlle dúas patadas.

Cando imos entender que a decisión de converterse en home ou muller doutra persoa nada ten que ver coa propiedade? Trátase dunha elección, dun desexo compartido e, sobre todo, dun respecto mutuo. Iso é infranqueable.

Por outra banda, alén diso, o mero feito de golpear a unha persoa, sexa quen sexa, é terrible. Como sorprenderse por iso?

Reaccións deste tipo fanme pensar que algo moi grave está fallando no corazón da sociedade. Xa non é só que haxa alguén que poida agredir á súa parella, xustamente a aquela persoa coa que decidiu compartir a súa vida. É que nin sequera pensa que sexa unha acción reprochable!

A única posesión entre persoas debe ser a do respecto.