Os xenes dos Borbóns

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

Siro

08 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A min paréceme que no xene da voracidade sexual atribuído aos nosos Borbóns hai moita leria e pouco rigor, polo que na brevidade deste artigo propóñome aclarar tan importante cuestión. E empezo afirmando que non se trata dun xene, senón de dous: o da paixón erótica, que teñen todos, e o da infidelidade conxugal, privativo dalgúns. Fagamos un percorrido pola historia.

O primeiro xene tróuxoo a España Felipe V, adicto ao sexo, si; pero casou dúas veces e foilles fiel ás dúas mulleres. O fillo Luis I non conta, porque foi rei aos 17 anos e morreu sen cumprir os 18. Fernando VI casou con Bárbara de Braganza -pouco agraciada fisicamente pero encantadora no trato- e amouna tanto que morreu de tristura un ano despois dela, sen ter relación íntima con outra muller. Carlos III e María Amalia de Saxonia foron felices durante os vinte e dous anos de matrimonio, e cando ela morreu o rei foille fiel tamén na viuvez.

O xene da infidelidade tróuxoo María Luisa de Parma, consorte de Carlos IV e Borbón por pai e nai. O home da súa vida foi Godoy, pero non o único amante. No leito de morte declarou ao confesor que ningún dos fillos era do rei. Catro foron as mulleres de Fernando VII, e todas sufriron as enormes dimensións do seu falo, celebradísimo nos burdeis de Madrid, onde o rei se sentía en casa propia. Isabel II tampouco debería contar porque, que ía facer, ardente como era, casada cun home que na noite de vodas levou máis encaixes ca ela? O pobo cantaba: «Gran problema es en la Corte / averiguar si el consorte / cuando acude al escusado / mea de pie o sentado». Pois mexaba sentado, que naceu cunha malformación da uretra e non tiña o buraco de saída no glande, senón no tronco do pene. O certo é que ningún dos fillos foi seu e que moitos ilustres varóns o substituíron no leito real.

Alfonso XII e María de las Mercedes compartían amor e tuberculose e casaron noviños. A raíña morreu ao cabo de cinco meses e un ano despois o rei casou con María Cristina de Habsburgo-Lorena, que lle deu tres fillos. Outros tres tívoos el cunha cantante de ópera e coa dona dun embaixador. Non lle deu tempo a máis, que finou sen cumprir os 28. Alfonso XIII superouno: tivo seis fillos no matrimonio con Victoria Eugenia de Battenberg, outros cinco de catro das moitas amantes que se lle coñeceron e foi guionista e produtor de cine porno. De don Juan de Borbón dise que podería competir en conquistas amorosas co mesmísimo Tenorio, e cítase a da famosa actriz americana Zsa Zsa Gabor.

Ata aquí os xenes sexuais, pero nos últimos Borbóns puido aparecer un terceiro xene do que non se fala: o do apego aos negocios ilícitos. Se é así, achegaríao a raíña María Cristina, involucrada no tráfico de escravos cando xa fora prohibido en Europa, e teríao Alfonso XIII, que, ademais de cobrar comisións e abrir contas en Suíza, creou con amigos o Club Galguero Español, que destinaría as ganancias á beneficencia, pero cobráronas eles.

Feita a luz nas tebras, imponse a reflexión serea: se don Juan Carlos I, o noso rei emérito, herdou os tres xenes dos Borbóns, como non termos comprensión para os seus enguedellos con mulleres fermosas, elefantes, comisións e contas no estranxeiro? Bastante desgraza ten o pobre

.