A monarquía desvelada

Ramón Villares TRIBUNA LIBRE

OPINIÓN

05 ago 2020 . Actualizado a las 11:11 h.

A traslación das monarquías tradicionais aos reximes políticos liberais e logo democráticos obrigou a crear unha ficción ou «misterio» mediante o que fose compatible o principio monárquico (mandar sen ser elexido) co principio democrático (exercer o poder por decisión popular). Ser titular dunha institución a título dinástico obriga aos seus titulares a adoptaren comportamentos que, sen estaren suxeitos a un estricto control público, deben ser entendidos pola cidadanía como congruentes co sistema político no que viven. Este é un principio non escrito que forma parte dos reximes políticos constitucionais. Tamén das monarquías que, mal que ben, foron resistindo as ventiscas republicanas de todo estilo ata que, unha vez derrubadas, xa non foron quen de se repoñer de novo..., agás en España.

En efecto, nos últimos dous séculos a monarquía española deu moitos tumbos, sempre debidos a razóns políticas, tanto nas caídas como nos retornos. Sen embargo, a recente decisión de Juan Carlos de ir vivir a un país estranxeiro é cualitativamente distinta de todos casos anteriores, desde Isabel II ata Amadeo de Saboia ou Alfonso XIII. Os reis, aínda sendo eméritos -que é situación excepcional, hoxe compartida co papa de Roma-, deberían morrer no seu país de non mediar a proclamación dunha república ou un golpe de estado. O monarca que agora colle camiño dun país estranxeiro -que non dun exilio político- xa non reinaba pero tampoco era un cidadán común, pois como Maxestade se intitula na carta de despedida.

Dada a sua condición de emérito, a forma de Estado da monarquía de natureza parlamentaria non está en causa, alomenos neste momento, pero o abandono do país por motivos que non están directamente relacionados coa acción política senón pola sua conducta persoal, abre un camiño de incerteza que pode afectar directamente á propia institución.

Sen entrarmos no proceso de instauración da monarquía durante o franquismo, o que parece claro é que o novo monarca tivo ocasión de revalidar coa acción política as eivas da sua lexitimidade de orixe. E frecuente invocar de forma moi encomiástica o seu comportamento durante a tentativa do golpe de estado do 23-F de 1981, así como foi común que moitos políticos de distintos partidos e ideoloxías se teñan declarado «juancarlistas» no canto de monárquicos. Esta distinción entre a persoa e a institución escondía un evidente recelo sobre o réxime monárquico, que era salvado polas aparentes virtudes do seu titular. Toda esta estratexia política desplegada para asegurar a institución monárquica foi posta en causa polo comportamento de Juan Carlos, antes ou despois do seu paso á condición de rei emérito, en materia de negocios privados ou tráfico de influencias. Moitos monarcas se teñen ocupado destas actividades, como foi o caso do seu abó Alfonso XIII, considerado xa no seu tempo como un «home de negocios», pero aquelas conductas non son admisibles nos tempos actuais.

A democracia de masas esixe, por definición, un escrutinio público das accións dos seus cidadáns, calquera que sexa a sua condición, estatus ou riqueza. E para manter o que Walter Bagehot denominou no seu dia o «misterio» da monarquía é necesario colocar a institución á marxe da loita política e, a cambio de ser inviolable, manter unha conducta que sexa social e políticamente aceptable. Este foi un prezo que o rei emérito non foi quen de pagar, nen mesmo no seo da sua propia familia. Dada a resiliencia da institución monárquica en España, é posible que o actual monarca, Felipe VI, manteña a sua posición, pero seu pai deixouno sen o comodín que fai respetable unha institución que, para durar, debe ser capaz de manterse oculta detrais do «velo do misterio», evitando que a cidadanía comprobe que o monarca está ispido.