Agosto sen verbenas

OPINIÓN

02 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O primeiro baile, igual ca o primeiro bico, endexamais se esquece. Un día coma hoxe, alá iamos meu amigo Mariano e mais eu a sacar a bailar as mozas na festa grande de Santa Margarita de Mourente (Pontevedra). Había ter eu trece ou catorce anos, non máis. Era o meu primeiro baile, e ben me lembro dos nomes das agraciadas: Encarna e Raquel, proba da transcendencia do caso. Un día coma o de hoxe a vella carballa adobiábase de lucerío e a orquestra Poceiro, os Chicos del Jazz, a Gran Parada, John Balan e os Megatones, a Gran Casino, que tales eran as agrupacións da época, empoleirábanse ao pé da árbore e a estrada toda, o eirado da capela, mesmo algúns prados veciños enchíanse de danzantes, mozos e vellos, atacando cumbias, merengues, boleros e pasodobres. Era o que mandaba. O rock and roll entrou despois. O tema preferido para abrir a festa era En forma de Glenn Miller, e ás veces a orquestra cerraba con Os pinos, que o persoal acometía agarrado e con moito ritmo. 

Tiñamos un veciño, ao que alcumábamos Manolito o verbenas, que as sabía todas. Levaba canda si un caderniño de peto no que apuntaba canta festa, celebración ou romaría podía haber en Pontevedra a dez ou quince quilómetros na redonda. Que se puidera ir a pé ou en coche de liña, quero dicir. Tampouco dispoñía entón o persoal de moitos medios de locomoción propios. Polo menos o persoal que eu frecuentaba. Entre a verbena de San Cristovo, que se celebraba na praza da Ferrería contra os primeiros días de xullo, e a derradeira, a Pilarica, no cuartel da Garda Civil, o 12 de outubro, tocabamos a tres e catro diarias, sen parar.

Vivo no val da Maía. Contra o mes de maio comeza a foguetada. Neste caso, a derradeira más próxima é a de Santa Minia de Brión, na Pilarica xa case que non hai ninguén. Por entremedias, dende o Outeiro, Bastabales, Bastabaliños, Os Ánxeles, a Peregrina de Ames, o San Antón de Alqueidón, as Chaves de Angueira, Boullón, Altamira, todo é (ou era) festa rachada. Víctor Sueiro que, coa súa dona Amparo, percorreu Galicia detrás das romarías, falaba de 2.000 festas populares, con pulpo, foguetes e orquestra, entre xuño e setembro: unha romaría interminable, segundo titularon un dos seus libros. Hai uns anos, na Facultade de Ciencias de Comunicación da USC fixemos un traballo destas celebracións. Debo recoñecer que as contas resultaron impenetrables, mais con todo chegamos a contabilizar máis de 4.000 millóns de pesetas (declaradas) neses meses, sen contar industrias auxiliares (tómbolas, casetas de tiro, polbo, melindres, rosquillas…). Non sei se este domingo hai festa na Santa Margarita de Mourente. O próximo domingo tocan as Peregrinas (incluída a pontevedresa). Son tempos distintos. Máis non definitivos. Con outras formas, con outros ritmos e novos instrumentos, as músicas volven sempre. En realidade, nunca se van.