O milagre de Compostela

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

26 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Intentemos imaxinar a Galicia de hai setenta anos. Quen escribe este artigo aínda non nacera. O meu pai poñíalle biqueiras de ferro aos zapatos aproveitando a ferramenta familiar, para non pagar zapateiro. O meu tío Saturno facía amaños de xastrería nun portal da praza do Teucro, e o galego era música para cantar nas tabernas, pouco máis. Cada 18 de xullo, as autoridades do réxime, vestidas de camisa azul e casacas brancas, enfiaban o Cara al Sol diante da Cruz dos Caídos, contra o final da alameda. E nós, que eramos uns cativiños, nada sabíamos do mundo, agás silencios e a doutrina oficial.

Hai setenta anos, un grupiño de amigos, ou que pasaban por tales para disimular, reuníanse a xantar un día coma onte nos baixos do Hotel Compostela, en Santiago, para poñer as bases dun milagre: a editorial Galaxia. Ben sei que estes días estamos a lembrar a efeméride e houbo intervencións varias ao respecto. Ben sei que hai outras cuestións de actualidade a tratar. Pero non quero deixar pasar a data, polo que significa na miña andaina persoal e, moi especialmente, polo que significa para o país, para a nosa lingua e a nosa cultura. Eran poucos, mesmo con algunhas ausencias importantes (entre outras, as de Ramón Piñeiro e Carballo Calero, que traían a marca recente da cadea), Castelao finara poucos meses antes en Buenos Aires; as circunstancias e o contexto histórico non podemos dicir que fosen os máis propicios, mais ollada a experiencia coa perspectiva do tempo, consideradas as forzas e os recursos dispoñibles e, sobre todo, postas enriba da mesa as obras, a traxectoria e os logros de todos estes anos, abofé que falar de milagre non é unha esaxeración. Os milagres existen na vontade das persoas que os constrúen.

Tiven a inmensa honra de participar durante catorce anos na dirección da editora, continuando o traballo do meu predecesor Carlos Casares, e debo recoñecer que, aínda que ande agora noutros labores, me sinto vencellado a ela: pola memoria dos fundadores, polo talante e talento do seu labor e polo que representa cara ao futuro, que é o grande desafío que impoñen os tempos. Non hai modernidade sen riscos. A cultura galega afronta as dificultades obxectivas da mundialización. As novas tecnoloxías son unha oportunidade e, ao mesmo tempo, un reto ineludible. Ou estamos ou desaparecemos. A transmisión xeracional da lingua é un dos grandes problemas do futuro, que esixe intelixencia, estratexias integradoras e vontade para deseñar solucións. Europa é un espazo no que participamos históricamente e ao que non podemos renunciar. A Galicia exterior segue a ser un activo que merece estímulos e organización. A democracia conquístase cada día. O catastrofismo é reaccionario, o único que consigue é dar bazas ao inimigo. En 1950 eran moi poucos. E velaí o que deron feito.