Xefa da oposición

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

PACO RODRÍGUEZ

20 jul 2020 . Actualizado a las 05:01 h.

Andariamos polo 80 % do escrutinio cando a miña amiga Judit, gran fotógrafa, me envía un primeiro plano de Ana Pontón: «A nosa xefa da oposición», engadía. Entre liñas, un orgullo que non procedía exactamente da afinidade política, senón dunha identidade allea a programas e ideoloxías. Eu, que son escéptica e dificilmente distanciábel da pouco hixienizada cociña dos partidos políticos, albisquei nesa ilusión a vella idea de sentirse representada por alguén.

Moito se ten falado da proeza de Pontón, con sisudos comentarios sobre o seu control dun partido con tendencia ao laissez-faire dos díscolos, a súa campaña de corte presidencialista ou o seu discurso que, sen renunciar á base ideolóxica do BNG, superou a imaxe dura e esencialista que semellaba o seu tumor inextirpábel. Pero falouse pouco de como ela integrou sen complexos o discurso feminista como motor de cambio, verdadeiro xerme da súa proeza. Calquera dos (e das) rivais non representaba máis ca un aburrido continuísmo marcado polas formas patriarcais e agresivas de facer política, onde os líderes enredan en medir os xenitais mentres o feminismo teima en superar o vello concepto de poder.

A socioloxía do voto galego, que é complexa en por si, ten agora unha dimensión de xénero que é clara na reivindicación que Ana Pontón fixo de si mesma como presidenciábel, converténdose en todo un símbolo que fixo o que ninguén máis soubo facer: recoller en forma de votos a semente dos últimos oitos de marzo e ilusionar desde ese aspecto diferencial a unha mocidade que non se ve representada polas vellas formas de facer política, xerando tanta estrañeza como medo en señoros que tremen ante esa nova idea de poder.