Un exemplo democrático


Hoxe cúmprese unha semana do 12 de xullo, e é hora de facer balance sobre a organización dunha xornada electoral que foi atípica e diferente non só para os votantes senón para a Xunta de Galicia como organizadora dos comicios. Tódalas novidades teñen un punto de incerteza e as votacións do pasado domingo non eran unha excepción. Teriamos unha participación ao estilo francés cun desplome no número de electores? Habería problemas na formación das mesas? Produciríanse incidentes pola espera derivada das colas?

Había dúbidas que, aínda dentro do noso convencemento, todos nos plantexamos nalgún momento. Pero o certo é que nada diso ocorreu. Os electores asumiron o protocolo desenvolvido dende a Xunta de Galicia como una responsabilidade colectiva, como un exercicio no que se conxugaban o dereito ao voto e a protección fronte ao coronavirus. Sabían que había novidades. Pero asumíronas. Porque ao clásico «unha persoa, un voto» engadimos algúns elementos máis: «Unha persoa, un voto... e unha máscara, e un xel hidroalcohólico, e unha bandexa para depositar o DNI, e un fluxo de circulación para impedir os cruzamentos»...

A cidadanía no seu conxunto asumiu que se podía votar con seguridade e que non había ningún problema en acudir ao colexio electoral, onde as medidas de protección estaban garantidas. Os agoireiros que trataron de xogar co medo da xente viron como os galegos apostaron por decidir eles mesmos o seu futuro dando un exemplo democrático. Demostraron co seu voto que se sentían tan seguros participando nos comicios como en calquera das súas actividades diarias.

Mención aparte merecen os preto de 4.000 controladores que constituíron unha axuda imprescindible á hora de axudar á xente a respectar as normas. Desde botar xel a cada persoa que entraba no colexio, a regular o aforo ou a facer respectar as distancias de seguridade. O mesmo se podería dicir dos membros das mesas, que conscientes do seu deber cívico aceptaron a súa responsabilidade como en calquera outra elección. Sen todos eles, incluídos tamén os apoderados e interventores dos diferentes partidos políticos que botaron unha man coa súa experiencia, todo tería sido máis complicado. A todos, de corazón, grazas.

Coa súa axuda Galicia demostrou ser un referente. Foi un exemplo de organización e planificación que chamou a atención da Generalitat catalana, unha administración que visitou Galicia durante o proceso electoral para comprobar de primeira man como poñer en marcha unhas eleccións en tempos de pandemia.

Por iso, ao igual que Galicia debe sentirse orgullosa de como afrontou a crise sanitaria do coronavirus, tamén debe saber que foi un exemplo de responsabilidade e madurez á hora de votar. Parabéns a todos porque foi unha vitoria colectiva. E non, non falo de resultados electorais, senón de sentidiño e do deber amosados como pobo o 12 de xullo.

Por Alfonso Rueda Vicepresidente da Xunta de Galicia

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Un exemplo democrático