«Democracia? Si, grazas»

Pedro Puy
Pedro Puy PP DE GALICIA

OPINIÓN

Brais Lorenzo

13 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Despois da pandemia, que? O comunismo na estela dun confinamento que representa a «arela totalitaria máis brutal feita realidade», como predicía Zizek? O autoritarismo iliberal ou «coronaditadura» do que falaba Sloterdijk? Pois non: despois da pandemia, democracia. Os expertos, vilipendiados na crise financeira, volven ser referencia para a adopción das decisións públicas, pese ás súas tan científicas dúbidas. Merkel e a Unión Europea, antonte fonte dos sufrimentos da poboación do sur europeo, volven ser referencia solidaria e o espazo protector nunha comunidade internacional xaxún de referencias hexemónicas. E a confianza nas institucións, cuestionada polos populismos, recupérase grazas a burocracias de calidade (como o Sergas) e a Gobernos competentes (coma o galego). Ata os liderados persoais trunfan na mesma sociedade que derruba estatuas de vellos persoeiros.

Despois do confinamento, votamos. Recuperamos ás forzas políticas tradicionais e preterimos aos neopopulistas de ambos os dous extremos. Votamos polos partidos máis profesionais na campaña, aínda que fose, coma no caso do BNG, agochando as esencias e agarimando as continxentes aparencias. Votamos aos que máis falaron con ilusión dun futuro de pactos, e non aos que insistiron na confrontación divisoria.

Catro maiorías absolutas nos tempos da crise financeira e a pandemia son excepcionais. Poucas persoas poden lucir semellante medalleiro na solapa. Gañou Feijoo, e o PPdeG. E tamén Galicia: porque demostrou que a democracia é o sistema que mellor responde ás preferencias da cidadanía. Porque votar non é perigoso: é esencial. E porque democraticamente os galegos lexitimamos a quen terá que afrontar desde a Xunta a peor crise sanitaria, económica e social que recorde calquera persoa viva. Agora, a traballar. Todos, con independencia de como lle fose nas urnas.