Estratexias

OPINIÓN

Kiko Delgado

09 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando vivía e traballaba na Coruña tiven unha compañeira que levaba moi mal dúas cousas: ser de aldea e facerse vella. Das dúas non sei cal era a que máis a torturaba. Nas conversas con ela todos sabiamos das mentiras, pero ela aseguraba que era da Coruña de toda a vida, prolongando a fantasía de apelidos de sona que tocaban os da súa familia ficticia. Respecto á idade, cada ano que pasaba era un suplicio para ela, que agachaba a idade con todo o peso dun segredo inconfesable. Un día pedíronnos da delegación o seu DNI e, ela, en vez de entregalo na secretaría do centro, teimou para o levar en persoa e así evitar que puidésemos saber a idade ou o seu lugar de procedencia. Cos anos foron aparecendo netos que xa non puido ocultar, aínda que ela dicía que eran os fillos da súa filla, desprendéndose deste xeito da súa condición de avoa. Tiña estratexias para todo. Cando se xubilou dixo que marchaba porque xa non lle apetecía traballar, razón pola que non lle fixemos despedida para non agraviala.

Hoxe lembreime dela logo de ver os carteis de Feijoo nos que hai certos retoques de rexuvenecemento, algo que adoitan facer todos os candidatos para pareceren máis novos e guapos (quen non lembra as fotos de Fraga, que, con cada convocatoria, se aproximaba fisicamente á adolescencia). Non lle reprocho ao candidato do PP esa coquetería, nin tampouco creo que, como a miña antiga compañeira, rexeite o lugar de nacenza. O que del me aproxima a esta muller é o xeito tan descarado de ocultar o partido ao que pertence, coma se se avergonzase dunha nai que o trouxo ao mundo para ser hoxe quen é. Talvez as contas non lle saian furadas, pero se é así coido que a nai tamén pode renegar do fillo.