Escándalo

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

Carlos Castro - Europa Press

07 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Que escándalo! Aquí xogan!», contesta o capitán Renault cando Rick lle pregunta por que lle pechan o café. Mentres, un empregado dálle uns cartos: «Velaquí as súas ganancias desta noite».

É unha escena marabillosa da película Casablanca moi útil en tempos electorais en que nos poñemos tan sobreactuados como ese personaxe do policía que podería ser hoxe algún alto cargo de Correos ao ver os sobres de Vox, tan antidemocráticos, xenófobos e machistas como todo o que procede deles. «Que escándalo! Aquí hai un partido fascista!», debeu de dicirlle a algún subordinado mentres gardaba baixo chave a propaganda que rulou por toda España nas eleccións de hai uns meses. Non o culpemos, decatarse tarde de que non se pode tolerar os intolerantes é decatarse.

Claro que a Junta Electoral Central, que recolleu o escándalo en chan enlamado pola decisión de admitir en Galicia un voto por correo que case ataca máis ás garantías electorais que o covid, tiña que poñerse digna: non lle vai facer Correos un traballo que debera facer ela desde que existe Vox. Pero a JEC ten outra doutrina: que resistamos a libre expresión dos insultos dos fascistas non porque sexamos máis demócratas ca ninguén, senón porque, desde antes de Vox, xa tolerabamos cousas intolerábeis coma a utilización extrema da normativa para acaparar votos ou a manipulación informativa nas televisións públicas de tirios e troianos.

É unha mágoa que teñamos que recorrer a Hollywood para dar no cravo das nosas miserias, porque temos os nosos propios colaboracionistas, os que escriben cunha man e votan coa outra, e os moralistas coma Renault, escandalizándose de cousas que pasan na campaña electoral e na vida. Non hai máis. Só se escandalizan.