O virus e a biblioteca persoal

OPINIÓN

Marta Fernández Jara

13 jun 2020 . Actualizado a las 17:47 h.

As novas tecnoloxías foron as protagonistas do confinamento. Televisores, ordenadores, libros electrónicos ou móbiles acapararon os tempos de traballo, estudo e ocio. Pero aínda que cada día lemos máis nas pantallas, moitos dos que non somos nativos dixitais vimos nesta situación de alarma unha oportunidade óptima para gozar, con moita calma, da biblioteca persoal, espallada por tódolos espazos vitais. Tivemos tempo dabondo para ler, follear e mesmo ordenar os libros que nos acompañan desde sempre, e que seguen a desbordar as posibilidades de almacenamento.

Atopámonos de novo cos libriños que nos aprenderon a ler e cos clásicos infantís e xuvenís, que nos mantiveron abstraídos horas e horas, potenciando a imaxinación e a capacidade de concentración. Velos hoxe nun recuncho da biblioteca tráenos inesquecibles recordos duns anos decisivos na nosa formación, nos que a lectura ocupaba un lugar central tanto na escola coma na casa. Aí están tamén os de texto, a maioría moi desgastados a pesar de conservaren o forro de papel groso que os protexía e que era obrigatorio. Acódese aínda con frecuencia a eles para consultas puntuais, e produce unha agradable sensación de nostalxia observar os textos e as imaxes sobre as que se ten pasado moito tempo de estudo e aprendizaxe. Unha simple ollada agora e os conceptos actualízanse decontado.

Non falta en calquera biblioteca persoal un espazo no que se van acumulando, ano tras ano, libros de lectura dos diferentes xéneros literarios. No caso de terse feito anotacións neles ou posteriores fichas resumo dos mesmos, disponse sempre dunha inestimable e rápida fonte de coñecementos e de citas. Cos libros de consulta, cada vez en maior desuso, non sabemos que facer. Enciclopedias que non hai tanto tempo custaban ben cartos, dicionarios ou diversos manuais foron desprazados por Internet, debido a obvias razóns de rapidez e actualidade. Xa non os quere ninguén, pero tampouco nos atrevemos a tiralos, polo que acaban ocupando espazos que non sobran. Os libros profesionais tamén están a ser substituídos pola Rede, pois a grande rapidez dos cambios neste ámbito fai que o papel quede axiña desfasado.

Acumúlanse outros moitos libros, editados sobre todo por institucións públicas, que non acostuman escatimar recursos, en especial nos volumes de gran formato. En calquera caso, os tempos de crise nótanse, e aínda que seguen a imprimirse coleccións moi interesantes, Xunta, universidades ou deputacións xa non publican os exemplares de luxo de hai uns cantos anos. É un gozo ter nas mans algúns daqueles facsímiles e obras de calidade excepcional na encadernación, no papel ou na fotografía. E ademais de velos e tocalos, paga a pena tamén ulilos.