Socialdemocracia compartida

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

OPINIÓN

DENÍS E.F.

saída da crise vai ter perfil socialdemócrata, polo énfase que hai que poñer na educación, a sanidade, a cultura e a cuestión ambiental. O profesor Antón Costas fala de civilizar o capitalismo. Pero a mellor socialdemocracia nesta situación é a compartida, aquela que crea un espazo común con outras opcións políticas de centro para garantir a execución e continuidade dos programas acordados. Conto un episodio: a noite do 23F de 1981, ante o golpe de estado, a maioría dos membros da Corporación compostelá, co alcalde á cabeza, encerrámonos no Concello para defender a Constitución. Poucos días despois UCD e PSOE, con tres modestos concelleiros, anunciamos un “pacto local” de investimentos e estabilidade. A oposición con vocación de goberno propón máis do que se opón.

A resposta é a solidariedade efectiva entre as persoas, os países da Europa do norte e do sur, as autonomías máis ricas e as que o son menos, as cidades entre si, mesmo entre os barrios e os centros, entre o campo e a cidade, para non deixar tramos da sociedade illados. Solidariedade, fiscalidade e reparto de recursos van xuntos, pero hai que engadirlles un termo máis: o esforzo individual e colectivo para xerar nova actividade económica e ser competitivos.

A xenerosidade é outra cousa. É a entrega dunha persoa por cima das súas obrigas, como aconteceu nesta pandemia cos sanitarios e o voluntariado aos que, máis ca recoñecementos e aplausos, o que lles debemos agora é responsabilidade no cumprimento das medidas individuais de protección contra o coronavirus porque, de vir outro brote, non o aguantarán psicoloxicamente.

Algunhas autonomías e cidades están chegando a acordos políticos para desenvolver programas a curto e medio prazo. Algo ten que cambiar, cando menos un espírito de cooperación e non de confrontación, como Javier Solana, sempre lúcido, reclama. Achéganse novos investimentos e proxectos que se teñen que estar deseñando xa agora, e non deixalos á improvisación.

Estamos fartos de tanta chanza sen graza, de tanta provocación sen soporte intelectual, sacando a flote a parte máis brutal do ser humano. Acaso non é consciente un político de que os vocábulos insultantes poden provocar efectos violentos, como está a acontecer nos Estados Unidos?

O tránsito pola vida esíxenos, seguindo a Montaigne, practicar a ponderación en vez de lanzar exabruptos, o humanismo fronte ás manifestacións da perversidade do mal e a procura sistemática da verdade entre tanta mentira infiltrada na opinión pública.