Fame

Siro
Siro PUNTADAS SEN FÍO

OPINIÓN

siro

30 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao saber que nunha feira de arte alguén pagou 120.000 dólares por un plátano pegado á parede con cinta de electricista, pensei que aquela transación era un disparate e unha inmoralidade; e recordei os gravados e debuxos da alemana Käthe Kollwitz, cos que representou a fame no seu país despois da derrota na Primeira Guerra Mundial.

En Galicia houbo fames terríbeis nos anos 1710, 1738 e 1768; e outras, como a de 1853, cando Rosalía, con 16 anos, viu baixar a Compostela «bandas de infelices hambrientos que de puerta en puerta iban demandando pan para sus hijos moribundos».

Tamén eu vin, de neno, a fame no meu barrio. O pan da ración, tantas veces con cagallas de rato, comíamolo todos porque non había outro; pero en moitas casas comíanse un día patacas e outro as pelas; rapaces esfameados roubaban a algarroba das mulas de artillería, desaparecían os gatos e a un neniño das rúas máis pobres tiñamos que quitarlle da boca as cagallas de ovella, que el cría patacas fritidas. En 1954, os paquetes da «axuda americana» con arroz, fariña, carne e chícharos en lata, leite en po, queixo e manteiga; foron un maná para moitas familias.

A fame volveu a España hai dez anos e xa nos afixemos ás escenas terríbeis das persoas que procuran alimentos nos contedores do lixo; pero a crise provocada polo coronavirus multiplicou os afectados e será peor nos próximos meses. Ten remedio esta aberración social, a máis cruel de todas? Podemos erradicar a fame do mundo?

O sultán dun pequeno país reuniu os conselleiros para saber como ía a economía, e Zarat, o xefe da policía, respondeu: -A nosa prosperidade é tanta, que as galiñas poñen ovos de ouro. E explicou que noutros países os homes traballan de sol a sol para gañar un cequí; pero neste cada ovo vale un cequí. O sultán e os conselleiros celebrárono con alegría e aínda que o vello e sabio Yasuf comentou: «Onde as galiñas poñen ovos de ouro, a xente pasa fame», ninguén lle fixo caso.

Aquela tarde o sultán saiu a pasear e chegou á casa do sabio Yasuf, viuno con poucos folgos, e preguntoulle se podía facer algo por el. O sabio respondeulle que se puidese enviarlle unha ducia de ovos, farialle un gran favor. O sultán, arrepiado, reclamou a presenza do conselleiro Zarat e esixiulle que o prezo dos ovos baixase de contado. Zarat mandou varear os talóns dos campesinos e o día seguinte cada ovo costaba dous cequís: un polo ovo, outro polo castigo. Zarat mandou varear os talóns dos cidadáns para que non os pagasen tan caros e o prezo subiu a tres cequís, ao mercalos ás agachadas. Zarat mandou varear os talóns das galiñas para que puxesen máis ovos e máis baratos, e deixaron de poñer.

O sultán correu á casa de Yasuf e preguntoulle, entre bágoas, como o xuzgaría a historia, se os sabios morrían de fame no seu reinado. Yasuf, co derradeiro alento, consolouno: -Á historia dirá que foches un bo sultán, pero sempre te equivocaches de talóns.

Todos podemos equivocarnos de talóns, pero non erraremos se castigamos cos votos os talóns dos deputados de esquerda e dereita que so van ao Congreso a aldraxar ao contrario. Eses dos que dixo Patxi López que se nun momento dramático coma este non teñen vontade política, «é que non valen para nada». A eses.