Adoito manifestar as cousas que non me gustan, que me doen e, sobre todo, as inxustizas. Teño un resorte interno que salta. Pero, cando acontece algo que non me agrada pero ten que ser, prégome no silencio. Como fai unha nai ou un avó cando os novos toman unha decisión que non gusta pero ten que ser. Emigrar, por exemplo, estudar fóra, marchar da casa, aceptar unha enfermidade, traballar nalgo no que non te formaches, gastar os cartos en cousas que nunca precisaron ou, que sei eu!
O silencio agocha estas cousas. Disfraza o medo, a desconfianza, a dor, moitos sentimentos. Nestes tempos da covid-19 hailles moito ruído. Considero que é necesario. Ás veces se non berramos, non nos escoitan. Pero teño medo que o boureo nos impida ver os silencios que camiñan nesta pandemia. Quizais sexa unha privilexiada, por poder pasar este confinamento nunha zona ben tranquila. É por iso que vexo o silencio que portan nos carriños da compra algunhas persoas. Tapan a cara detrás dunha máscara, baixan os ollos. Van mirando o chan polo que pisan. Percorren as rúas, e a vida moendo na realidade, sen berrar. A eles tamén lles mudou a vida. Carecen de recursos, todos ou moitos, e axudan a outros próximos que están peor. Porque o silencio axuda a ver as desgrazas alleas.
Hai moitísimos sectores prexudicados. Moitísimos. Cando todo isto pase, os que puidestes seguir coa vosa vida, cos vosos ingresos, coas vosas comodidades... por favor, non esquezades aos que viviron en silencio.