Do Día das Letras ao da Fala

Lourenzo Fernández Prieto
Lourenzo Fernández Prieto MAÑÁ EMPEZA HOXE

OPINIÓN

19 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As letras galegas están garantidas. De todo o escrito e o que se escribe en galego haberá moitas obras inmorredoiras, como segue habéndoas latinas, gregas ou sánscritas, lexibles no idioma orixinal ou traducidas. E está o portugués, compañeiro que nos salvará sempre co seu poder internacional. O problema agora non son as letras, senón a fala mesma. O que nunca tivo tan pouco futuro, o que non está garantido, é o galego como lingua viva. A dominante lingua cotiá do século pasado perde futuro porque perde recoñecemento. Hoxe falan galego algunhas xentes da cultura e os da aldea. O galego volve ser unha cousa de aldea -cando xa non hai nin aldea-. Pódese negar, pódese non ver. Pero agora que temos tempo, pensemos. Xa necesitamos máis un Día da Fala que un Día das Letras.

Cando se escoita falar un magnífico galego a profesionais ou deputadas maiores de 40 anos, de orixe urbana e castelanfalantes, e se compara co castelán que falan os nenos que hoxe aprenden o galego en centros de ensino urbanos coma se fose unha lingua estranxeira dá para pensar. A idea da morte da fala dedúcese da evolución das cifras de falantes, de oír a ensinantes de centros públicos e privados e da experiencia. A conclusión é puro realismo, o dramatismo xa o puxo un ilustre profesor nun informe de outrora. O problema é político, sempre o foi, e só ten solución política. A cultura galega está envellecida institucional e politicamente. Todo o dinamismo que houbo na xente nova, nos fillos de Xabarín e Shin Chan, esmoreceu nos últimos dez anos. O galego converteuse en motivo de conflito e desfíxose o asentado acordo social, na medida en que foi utilizado electoralmente. Por unha minoría e para favorecer unha minoría desas que dan maiorías. As consecuencias pagámolas. A lingua tamén fora politizada partidariamente por outras minorías que usaban o galego como seu para facer política. Porén, o impulso do loita galeguista funcionou para construír un consenso arredor do antifranquismo, e despois na Transición. Iso tamén envelleceu. Pasaron corenta anos, un tripartito, un bipartito e nove gobernos do PP.

Carvalho Calero, como galeguista, debía saber isto por ter nacido e vivido en Ferrol Vello, onde o conflito lingüístico foi sempre moi visible, afectiva e socialmente, entre o galego da aldea que rodeaba á primeira cidade industrial e proletaria de Galicia, o castelán que, dentro de portas, nos barrios da Madalena e Esteiro, garantía bos empregos e oficios traballando para o Estado e o inglés dos enxeñeiros chonis (Johnnys) que organizaban o choio nos estaleiros a todo filispín (full speed). Cando a xeración de Carvalho Calero e Fernández del Riego inventaron o Día das Letras Galegas o que estaba en serio risco e perseguido era o galego escrito e culto; o que os movía era o alento galeguista da súa mocidade republicana, empeñada na alfabetización e na cultura das masas como arma de futuro. Un galego de analfabetos na súa lingua era daquela a fala da inmensa maioría do país. Recoñezamos que os tempos mudaron máis do que nos gustaría. Canto antes o fagamos, máis axiña poremos remedio á morte da fala.