Do illamento á nova normalidade

Alfredo Ramos DIRECTOR COMERCIAL MASIVO DE R E DO GRUPO EUSKALTEL

OPINIÓN

MIGUEL GUTIÉRREZ

04 may 2020 . Actualizado a las 09:56 h.

É pregunta recorrente dende hai máis dun mes: como será a vida cando saiamos das nosas casas? Traballaremos, mercaremos, socializaremos da mesma maneira? Ou esta crise sanitaria vai rachar co xeito que temos de entendelo todo? Hai quen di que pasará, que imos recuperar as rutinas de sempre sen grandes traumas. Pero cala máis fondo a idea de que nada volverá ser como antes da pandemia. Retornará a normalidade cotiá, si, pero unha diferente, nova, á que, case sen dúbida, tamén remataremos afacéndonos.

Levo 25 anos inmerso no sector das telecomunicacións, e atrévome a asegurar hoxe que vén de abrirse de par en par a porta á dixitalización plena da sociedade, das empresas e dos procesos esenciais que marcan o día a día das persoas. Tras o shock producido polo estado de alarma e as consecuencias do coronavirus, semella que pegásemos un chimpo dunha década, acelerando esa transformación que estaba en marcha pero nunca prevista para consumarse nun mes.

Falabamos acotío dos porqués, de para que, de como artellar os factores clave e as pancas para acelerar a transición dixital, do capital humano e tecnolóxico, do apoio político e da dirección das empresas, de pensar en grande comezando polo pequeno… E, de súpeto, derrúbanse as fronteiras e mesmo os prexuízos ante o teletraballo, as videoconferencias, o entretemento dixital masivo, o comercio electrónico e todo tipo de servizos na nube; todo sen preaviso, ao igual que nos desbordou o covid-19. Ás présas adaptámonos aos novos hábitos de «tele-o-que-sexa» para prevalecer nesta nova contorna dende os nosos fogares.

Nas semanas que levamos de confinamento disparáronse as porcentaxes de tráfico de voz móbil nun 60 %, e de banda ancha fixa ata nun 63 %, segundo constatamos recentemente en R. Ademais, realízanse chamadas de voz ata un 100 % máis longas no teléfono fixo e un 110 % no móbil, tradución desa necesidade das persoas de conversar máis tempo cos seus achegados durante o illamento. En televisión, o consumo medio diario é de 5,4 horas, un 45 % máis do habitual, mentres que, por exemplo, o volume de datos utilizados en WhatsApp aumentou ata nun 300 %.

Ao final, esta situación tan extraordinaria pon en valor e confirma a importancia do investimento en servizos de telecomunicacións e nas infraestruturas de rede que os soportan, as que arestora desenvolven un rol estratéxico na crise sanitaria. Os operadores posiciónanse necesariamente porque teñen ante si unha proba importantísima para exercitar ou non a súa responsabilidade social e contribuír, coa súa achega, ao funcionamento presente e futuro das empresas, ao benestar e á conectividade entre as persoas, que precisan, máis ca nunca, comunicarse.

Hai moitas interrogantes abertas a nivel sanitario, económico e social, e comeza unha etapa difícil, chea de retos a todos os niveis. As telecomunicacións seguirán sendo esenciais no futuro inmediato, e cómpre que o compromiso do sector se manteña inquebrantable. Por todo iso, desta hai que saír máis fortes e afrontar eses desafíos que temos por diante, para construír unha sociedade mellor na contorna dunha inevitable «nova normalidade».