Unha viaxe sentimental

Víctor F. Freixanes
Víctor F. Freixanes VENTO NAS VELAS

OPINIÓN

27 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Vivo rodeado de libros, e non podo evitar, nestas semanas de obrigada clausura, recuperar o soneto de Quevedo que di: «Retirado en la paz de estos desiertos / con pocos pero doctos libros juntos, / vivo en conversación con los difuntos / y escucho con mis ojos a los muertos». Tamén os vivos, engado eu. Tamén os vivos falan e merecen ser escoitados. Pasou o Día Internacional do Libro cun rebumbio de labaradas nas redes sociais, eses novos espazos de relación que nos permiten visitar os amigos, os veciños (os que non están do outro lado do muro), se cadra tamén os bardallas, que de todo hai na viña do Señor; pasou o Día Internacional do Libro, digo, e deixou un pouso de saudade nos letraferidos, nos amantes da palabra e a lectura. ¿Volverán aqueles textos? ¿Volverán aqueles días, a visita ás librerías, o consello ou a crítica, o universo das bibliotecas? Abofe que si, aínda que polo de agora todo sexa reclusión, e non exactamente «retirados na paz», como di o verso de Quevedo, mais ben instalados no desacougo.

Empezo a pensar que estas mareas son unha especie de dietario persoal, encerrado no claustro, á espreita das noticias e das contranoticias que chegan por todas partes. Nunca tanta aparente información e nunca tanta confusión houbo. Pero alzo a mirada e, ao meu carón, velaí están: os libros, amigos que nunca fallan, que endexamais traizoan, que o dan todo e nada piden a cambio, que nos acompañan durante anos… Visito a biblioteca, remexo nos andeis que hai tempo que non visitaba e, de súpeto, aparece aquel titulo que non sabiamos que estaba alí, ou que dabamos por extraviado, a páxina dobrada que indica a lectura pendente, as anotacións persoais.

Xa sei que moita xente criticará os meus hábitos, pero eu dobro as páxinas para indicar onde deixo a lectura, escribo nos libros, subliño os parágrafos que me motivan, en definitiva: dialogo cos autores, estean mortos ou non. A lectura é unha invitación ao debate, á confrontación de ideas, suxestións que provoca en nós a páxina impresa. Nunca considerei profanación nin falta de respecto escribir a miña opinión cando me interesa un texto, ás veces simplemente para indicar o meu aplauso, ou un signo de interrogación. E resulta revelador volver a estas confidencias anos despois e comprobar como pasou o temo tamén por nós, ou como mantemos o criterio que entón expresabamos.

Viaxar pola biblioteca persoal é viaxar pola propia vida, que ten as súas etapas: a mocidade idealista e revolucionaria, o sindicalismo, as distintas referencias literarias, o feminismo (digo ben: o feminismo), a crónica da nación, a historia, a comunicación, os amigos… Tamén os amigos, que achegaron as súas marcas, dedicatorias ou preferencias. Que foi daquel que tanto nos amaba e agora nos retirou a palabra? Ás veces a vida deixa feridas, ou polo menos rabuñazos.