O positivo

María Canosa
maría canosa PINGAS DE CRISTAL

OPINIÓN

María José López

15 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ángel Carracedo é unha mente imprescindible. No campo da xenética e na medicina, un auténtico portento. Iso si, o mesmo dá unha conferencia para expertos, a nivel internacional, coma se achega a un colexio para conversar con nenos de infantil. Porque, como persoa, aínda é máis marabilloso.

Fala tan claro e tranquilo que me inspira seguridade. Tranquilízame o que di. Hai uns días lía unha entrevista que lle fixeron, co gallo desta situación excepcional. Coma sempre, non se queixa del, pero sofre polos demais. Con todo, con ese sorriso que o caracteriza, engadiu que, amais de pensar en global, deberiamos quedar co positivo desta situación.

Teño tendencia a buscar o lado positivo tamén. É un mecanismo de defensa ou supervivencia, ou as dúas cousas xuntas. Falou da solidariedade, de pasar tempo na casa coa familia, de gozar dos demais... de mellorar como sociedade.

Agrádame a marea de iniciativas que se sucederon desde o primeiro momento do confinamento, e a cantidade de chamadas e mensaxes que intercambiei con xente coa que non contacto frecuentemente, pero da que necesitaba saber que estaba ben.

Remataba a entrevista dicindo que debemos pensar en axudármonos na crise económica que nos agarda. Haberá quen volva á normalidade para mercar no comercio do lado, na libraría do barrio, no bar ao que iamos de cando en vez? Podiamos quedar para mercar libros e discos ou ir ao teatro, ao cine, ou a un concerto para compensar toda a cultura gratis que consumimos estes días...

Fagámolo.