Maiores

Inma López Silva
Inma López silva CALEIDOSCOPIO

OPINIÓN

María Pedreda

03 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Antes pensaba que desenvolveramos a ciencia para salvar a parte inxusta do darwinismo, entre outras cousas porque hai persoas que non deberan morrer por mor da crúa natureza. Así que, por pura tradición medieval, puxemos a andar os nosos cerebros para preservar a saúde dalgúns poderosos absolutamente prescindibeis, e porén asumimos a perda das persoas vellas coma se fosen igual de substituibeis ca un rei. Esa idea estaba no pensamento de Boris Johnson cando, antes de infectarse el mesmo, dixo «Perderemos a seres queridos antes de tempo», coma se ese tempo non fose cuantificábel en saberes e recursos. Claro que, coa COVID-19, esqueceunos o imprescindibeis que son eses que, no 2008, sostiveron as nosas familias hipotecadas, e que nos deron a súa memoria e valores ata que os depositamos en residencias onde agora esmorecen sós.

Por iso, por favor, cóntenlle a quen non entenda un gráfico de casos graves por idade iso de que as prioridades clínicas se deben aplicar coma sempre. Porque en plena corentena, parece claro que nada é coma sempre e que a COVID-19 é máis pandemia entre maiores porque os mata. Non é inevitábel que o virus os extinga, porque, en fin, non son unha simple franxa temporal: son os nosos pais e nais, avoas e veciñas e precisámolos. Son os que ensinan aos nosos fillos cousas que nós xamais poderemos transmitir. Son quen nos coidaron. Non importan menos por seren vellos. Non son caros. Son o noso investimento colectivo en sabedoría.

Ademais, non deberiamos estar tan ben dispostas a perder con eles o sentido común, iso que xa escasea nas rúas en que hoxe só hai certa medianía con mascota, cargada de destemperanza e excesiva confianza na vida eterna.