En Bruxelas nada é o que parece

Serafín Pazos Vidal DECOTÍO

OPINIÓN

No disponible

02 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por que o resultado do Consello Europeo do pasado xoves debería ter sido diferente? Grande indignación nos países do sur de Europa (todos católicos ou ortodoxos) que previamente firmaron unha carta conxunta pedindo que o tele-cumio acordara da noite para o día a federalización a nivel europeo da débeda. O líder portugués case falando galego pero dun xeito moito máis agresivo do que se estila alén Miño. Todo porque un ministro neerlandés quentara os ánimos para calmar á súa extrema dereita parlamentaria. Podería ter sido danés, finlandés, pero os holandeses son máis botados para adiante. Calquera do “sur” ten experimentado ese racismo casual en Bruxelas. Mais alén da calor do momento, ¿por que os estados frugais aceptarían regalar o seu diñeiro sen condicións e sen unha finalidade concreta? O coronavirus é unha crise xeral pero asimétrica. Afecta menos ós protestantes e os ex comunistas do leste. Sospeitan que os federalistas queren usar esta crise para avanzar no seu proxecto. O tango é cousa de dous. A integración da UE, de 27. A lealdade federal ten que ser cousa de todos. ¿Estaría preparado o sur para revisar o seu contrato social? Países con mercados laborais duais, con proteccións a certos sectores e a expulsión dos mellores, como os investigadores ou os 15.000 médicos que tiveron que emigrar ao ultraliberal Reino Unido para atopar a dignidade laboral. Non é certo que a «Europa» non fai nada. A Comisión, o BEI mobilizaron miles de millóns. A regra do déficit, suspendida. Nada mal para unha comunidade de estados, non un Estado-Nación. A China e o exército ruso fanse fotos na Lombardía. Os estados membros teñen aportado equipamentos médicos. Malia o espazo Schengen estar en coma inducido. Temer a próxima morte da UE parece a crónica dunha morte anunciada, mais sempre adiada. Un Italexit en quince días fíxose máis probable, non polo brexit, senón porque en 2018 o Tribunal de Xustiza da UE autorizou a reversibilidade das petición de retirada. Un arma para o que sinta ultraxado. ¿Estaría disposto algún dos 27 a transferir á UE parte das súas competencias fiscais?