«A soleira» de Franco Grande

María Xosé Porteiro
María Xosé Porteiro HABITACIÓN PROPIA

OPINIÓN

Oscar Vazquez

02 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Franco Grande, home de letras e letrado das finanzas, é un símbolo de como o traballo que se asenta sobre conviccións firmes e se artella de xeito cohesionado e constante, da os seus froitos. Do valor da súa obra literaria, heteroxénea, cualificada e necesaria, falarase moito nas súas esquelas de agasallo. Eu non quero deixar de pensar no avogado, no home de sentido práctico e capacidade de renunciar a darlle renda solta a súa creatividade, para que outros puideran vivir na cultura e da cultura, coa premisa de que non hai cultura en Galicia se non é coa lingua galega.

En Franco Grande salientaron unha mente práctica e un corazón apaixoado nunha persoalidade sobria e de mirada ampla. A súa figura cobra, se cabe, máis valor cando se conmemoran os 70 anos da Editorial Galaxia. El foi un dos artífices da consolidación dun proxecto editorial que demostrou que a cultura pode ser tan importante para o cambio social como a política convencional. Opción tan necesaria como difícil na anomalía da posguerra, nun país onde seguía moi preta a memoria dos que pagaron coa vida ou co exilio unha visión democrática e plural da convivencia. Foi unha ousadía que é, nin máis nin menos, o chanzo superior da valentía. Non por acaso, Xosé Luís Franco Grande, falou do medo en moitos dos artigos publicados na columna «A soleira» neste xornal. El advertía contra o medo, contra a toxicidade que paraliza e obstrúe os avances necesarios para unha sociedade que analizaba con ollada ampla, de alento universal, e abertamente comprometida cunha Europa federal como modelo de convivencia moderno e solidario. Ao se xubilar, deixou escrito que «a miña profesión impedírame facer a obra literaria que eu quixera. Pode que, agora xubilado, escriba aínda unha ducia de libros. Non pertenzo a ningún partido político: é unha mala cousa que os tres de máis implantación en Galicia sexan unha verdadeira calamidade nacional, xa que están contribuíndo, e con eficacia, á destrucción do país. E non se decatan». Dezaoito anos despois, o seu pensamento segue vivo.