Blindar Galiza


Na adversidade cando unha persoa, unha sociedade, un país demostra do que é capaz. E, unha vez máis, os galegos e as galegas demostramos que somos capaces do mellor, que non esquivamos as dificultades senón que lles plantamos cara e, sobre todo, que o facemos unidos e unidas. Sinto un tremendo orgullo da resposta que estamos dando como pobo, tanto polo civismo co que asumimos as medidas adoptadas como polo compromiso que demostran as traballadoras e traballadores da sanidade pública -desde o persoal de limpeza até persoal médico-, dos supermercados, tendas de barrio, farmacias, dos servizos de atención telefónicos, transportistas ou gasolineiras. Arriscan a súa saúde en beneficio colectivo. Temos o deber de responder a tanta xenerosidade.

Desde o BNG asumimos desde o minuto cero que esta crise é unha crise nacional, que require que todos e todas aportemos e constrúamos unha posición de país para saír adiante. Actuamos fronte ao coronavirus con dúas prioridades: a primeira, a saúde pública, salvagardar a vida das persoas; a segunda, evitar a crise económica, non deixar caer aos traballadores e traballadoras nin o tecido económico galego. Con esa vocación lle trasladamos á Xunta a nosa disposición a colaborar en todo o que fora necesario. Non é momento de competir, senón de unir esforzos. Non é momento de sinalar os erros, -que os hai e haberá que analizalos no futuro-, senón de buscar solucións. Ese é o espírito que nos move, a lealdade cos galegos e as galegas e a firme convicción de que temos que poñer o noso grao de area para superar esta crise.

Con esa vontade de colaboración leal poñemos propostas sobre a mesa que nos permitan responder a unha crise global que nos golpea. Sabemos que limitar a mobilidade é unha medida eficaz, por iso trasladámoslle ao presidente da Xunta a proposta de solicitar que se blinde Galiza, por responsabilidade con nós e cos demais. Blindouse Portugal con menos casos que os nosos, blindouse Baleares con menos de 100 casos, comarcas enteiras de Murcia ou Cataluña están pechadas para evitar a propagación… por que en Galiza non? O virus non entende de fronteiras, pero illar os focos de propagación é unha medida necesaria e eficaz.

Preocúpanos que se protexa ao máximo a todos e todas as que fan que funcione a sanidade, os servizos públicos ou abastecemento; urxe garantir canto antes equipos de protección e protocolos claros que eviten o contaxio. A día de hoxe non os hai. Igualmente, sabemos que a realización de test masivos á poboación para detectar, illar e controlar contaxios funcionou en Corea do Sur e lograron dobregar a curva. Por que non facelo en Galiza antes de que sexa demasiado tarde? A outra prioridade importante neste intre é a económica. O impacto desta crise está a ser brutal nunha economía como a galega, aínda non recuperada da gran depresión. Vai ser un gran reto colectivo e non valen parches nin medias tintas. Urxe un gran acordo de país, que debe ir máis alá da vontade dun partido ou dun sector económico. Por iso propoñemos unha mesa galega de axentes sociais e económicos que inclúa partidos, sindicatos e patronal coa finalidade de concitar consensos e actuar con mirada longa para abordar as consecuencias económicas e sociais dunha crise que vai mudalo todo. Non podemos permitir que a crise a paguen as e os de sempre, hai que tomar medidas estratéxicas e promover cambios estruturais que requiren valentía e decisión.

Veñen tempos duros, que van esixir enteireza, tranquilidade e moita confianza en nós en como pobo. Non teño nin a máis mínima dúbida de que imos superar esta crise entre todos e todas, demostrando, unha vez máis, que a sociedade galega non baixa os brazos, senón que planta cara e loita collida da man. Temos demostrado ao longo da historia que, mesmo á marxe das institucións, somos quen de nos facer valer por nós propias e que, por tanto, saberemos enfrontar con coraxe, con unidade e con decisión o futuro máis inmediato.

?Blindouse Portugal con menos casos que os nosos, blindouse Baleares, comarcas de Murcia ou Cataluña están pechadas. Por que en Galiza non?

Por Ana Pontón Portavoz nacional do BNG

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
208 votos
Comentarios

Blindar Galiza