O medo é tóxico

OPINIÓN

16 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Por mor da gripe de 1918 houbo en todo o mundo corenta millóns de mortos; oito millóns de contaxios e 300.000 falecidos en España. Agora mesmo, cuns 46 millóns de habitantes, neste país o número de mortos e de afectados só chega, de momento, a unhas poucas décimas, inferiores ás da gripe e outras das que non se fala.

E, de pronto, por mor dunha propaganda que a toda persoa equilibrada ten que producirlle noxo e verdadeiras arcadas, o coronavirus entoldou a luz de intelixencia e os grandes problemas da nosa miserenta política desapareceron: Cataluña, Venezuela, os que queren desfacer o país, ou —isto si que xa é o non vai máis do noso actual eclipse político— esquecemento absoluto da rubia xermana que tanto abalou as mentes, simples e non tan simples, do país. A histeria e o medo creados por certos medios que non teñen por finalidade informar senón acadar o beneficio, supón grave irresponsabilidade, porque non teñen, ou non queren, informar con seriedade e prudencia, con coñecementos técnicos ben fáciles de conseguir, e prestar así un servizo real á sociedade.

Porque esta crise pode ter dimensións planetarias na economía: xa saltaron todas as alarmas porque o poder económico mundial está movéndose por sacar tallada, para que, coma sempre, a factura brutal que vai haber a paguen os de sempre, coma xa veñen facendo dende 2008, sen aínda ternos recuperado daquela estafa universal.

Tamén vai haber cousas positivas: a proba empírica da importancia dunha sanidade pública, que porá de manifesto os graves erros da privatización e a transcendencia dunha sanidade coma a española, á cabeza das mellores do mundo e que, por casualidade, os do neoliberalismo barato e criminal aínda non conseguiron destruír. Fe e paciencia.