Pesimismo lector

OPINIÓN

03 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Obarómetro de hábitos de lectura en España deixa uns resultados que poden levar a certo pesimismo, sobre todo no que se refire á compra de libros, pois Galicia volve estar á cola das comunidades. Unha de cada tres persoas nunca abre un libro. Tremendo. Todo está contra a lectura. Neste século, tan visual e interactivo, as ofertas de ficción compiten de xeito brutal polo lecer. Sen lles tirar a culpa a outros factores (casa, Goberno, autores...), creo que a escola debería ser un lugar de esperanza. Se falamos de literatura, no aspecto primeiro de aprender a ler e gozar coa lectura, todos deberiamos subscribir o desexo dun ensino libre de cualificacións porque, como dicía Pennac, o verbo ler non atura o imperativo. A literatura non se aprende, senón que se contaxia cun profesorado entusiasta e sensible. En vez de esixir a lectura, compartir o propio gozo de ler sen ter que rebaixar a calidade na procura do gusto do alumno. Porque o gusto tamén se educa. Na lectura é importante o pracer, si, mais hai textos que precisan algo máis de nós, esa dificultade gozosa da que fala Harold Bloom. Por iso, as prácticas de avaliación entendidas como control deberían desbotarse por outras máis formativas. Pero como poñer isto en práctica sen desatender as esixencias curriculares? Coido que o alumnado debe ter a sensación de que a lectura é un acto esencialmente libre. Se cadra a nosa teima para que se lea moito, fainos ler mal, convertendo a lectura nun proceso contrario ao que debería ser. Perder un día cun verso ou unha semana cun poema non ten por que estar mal se os resultados son axeitados. O importante é formarmos xente capaz de gozar coa lectura, para que nos vindeiros anos invistan en libros e haxa rebaixas nos índices de pesimismo.