Devolucións en quente ou frías?

OPINIÓN

Antonio Sempere

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Non sei por que, téndese a utilizar expresións co sintagma en quente para referirse a actuacións que bordean a legalidade. Así, as persecucións en quente son as levadas a cabo para perseguir a un delincuente más alá da fronteira dun país veciño.

Non levaba ese sintagma aquela norma legal posta en marcha en 1992 por un ministro do Interior socialista (hoxe alma errante polas emisoras de TV e radio ultraconservadoras), e que foi cualificada como a lei da patada na porta, pois permitía a entrada en domicilios particulares, anulando o seu carácter de refuxio inviolable. Todo iso sen mandato xudicial e baseándose en simples sospeitas.

Irregulares son tamén as devolucións en quente, isto é, as expulsións sumarias de inmigrantes que acaban de atravesar unha fronteira, e que en España se dan sobre todo nas fronteiras acoirazadas de Ceuta e Melilla; alí son devoltas a Marrocos persoas detidas cando están dentro dos sucesivos valos —instalados en territorio español, lembremos— que protexen a fronteira, ou retidas no instante de traspasaren ese valo.

Realmente deberían ser denominadas devolucións en frío, pois fanse coa mente fría, a pesar de ser unha forma cruel —así o recoñecen Amnistía Internacional ou o Subcomité para a Prevención da Tortura de Nacións Unidas—, porque atentan contra os dereitos humanos. Falamos de devolucións de persoas (incluídos menores de idade ou mulleres embarazadas) ás que non se identifica, ás que se lles impide solicitar asilo... a pesar de seren persoas que foxen de persecucións relixiosas, étnicas e de guerras. Pero claro, son magrebís, subsaharianos, asiáticos, moitos deles negros... «Chusma apestada» que non debe entrar na fortaleza Europa.

En ningunha outra fronteira de España se tería producido o sucedido no ano 2014 en Ceuta, na praia de El Tarajal, onde varios grupos de inmigrantes foron rexeitados con material antidisturbios (contra persoas que nadaban no mar!), balas de goma e botes de fume por parte da Garda Civil, co resultado de 15 persoas mortas, nun dos episodios máis negros da historia recente do instituto armado.

Recentemente o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) ditaminou —vaia sorpresa!— que España actuou con arranxo á lei nunha devolución acaecida no 2014. Pero aínda quedan camiños por recorrer: desde o Tribunal Constitucional español, que ten pendente unha decisión sobre este asunto (incluído na coñecida como lei mordaza) ata a posición do actual Goberno de PSOE e UP, que dende a oposición criticaron con dureza estas expulsión expeditivas.

Confiemos.