De costas á realidade

OPINIÓN

CESAR QUIAN

02 mar 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Pouca credibilidade nos pode deparar ese rebumbio monótono e teimoso da política deste país, reducida a Venezuela, Cataluña, constitucionalismo, España rompe e pouco máis, e que, lonxe de producir atención na sociedade, só lle leva aburrimento cada día. E, con el, escepticismo, ao quedar tan lonxe dos problemas reais de cada día.

Ao noso ver, é un pouco o conto do pastor e o lobo: contáronlle ao país a primeira e a segunda mentira, e á terceira a xente xa non a creu e o lobo chegou. Supoño que todos temos observado que ese aburrimento é un feito. Vexo a atención moi cansa e poucos azos nas xentes en canto á política se refire. Tanto barullo apocalíptico e logo vese que a realidade é outra. Por iso xa ninguén cre que o lobo veña.

Felizmente, a sociedade, con todos os problemas que leva enriba, está moi lonxe desas imaxes apocalípticas: nin España rompe, nin Venezuela é ningún problema, nin Cataluña tampouco —máis ben o é a torpeza política española—, nin uns son máis constitucionalistas cós outros.

Os que así se veñen pronunciando van ter un serio problema de credibilidade, o que, unido a que Vox está condicionando moi estreitamente a unha opción política que se tiña por parte do centrodereita, non estrañaría a ninguén que esa actitude derivara en graves consecuencias políticas, incluída a desaparición desa opción.

Pero aquí seguimos sendo diferentes. A diferenza de Europa —que coñece a súa recente historia, porque a padeceu—, poñémonos a facer xogos malabares no canto de meternos de cheo nos importantes problemas que a xente ten, e que xusto designou aos políticos que temos para iso, para procurar a súa resolución. Poñámonos a facer política para non traizoar o voto que libre e confiadamente nos deron.