Información a esgalla

OPINIÓN

24 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O exceso de información pode chegar a ser unha verdadeira desinformación se con ela se atorda ao público -información masiva, procedente de múltiples fontes e de moi diversos intereses, por exemplo-. Porque esixe un sentido crítico nun alto grao, que a xente común dista moito de ter. 

As fake news, por outra banda, xeradas polos diversos grupos de intereses, políticos ou non, e pola facilidade para poñelas en circulación, son, paréceme, un bo compendio do que é unha eficaz e masiva desinformación, moi doadamente asimilable pola sociedade -unha sociedade cada vez máis acrítica e que, por iso, acepta con máis facilidade unha información que non pode, nin quere, dixerir-.

As chamadas redes sociais son o mellor, e máis barato, recurso para levar desinformación á sociedade do noso tempo, dándolle datos ao chou, que, ou non sabe que facer con eles, ou remata por quedarse cos que mellor lle cadran, pois non está polo labor de escollelos, contrastalos ou valoralos con criterio.

Por iso, e outras causas, o cidadán do noso tempo leva camiño de ser, se non o está sendo xa, un verdadeiro zombi. Xornais, televisións, radios e redes sociais, que teñen ao seu dispor trebellos cada vez máis sofisticados e accesibles -o mesmo que a sociedade de hoxe-, apouvigan ao cidadán con informacións que, en xeral, quedan afastadas dos seus intereses ou non sabe que facer con elas.

Defenderse de toda esa marea que pouco ten que ver coa información, máis ben coa deformación, non semella interesar a ninguén, nin sequera aos gobernos.

Estaremos perdidiños se tivésemos razón. Pero é moito o que a situación dá que pensar: é coma se a evolución cultural se estivese producindo en sentido inverso á biolóxica.

Ben quixeramos pensar que non sexa verdade o que pensamos.